
ALBA FORNO
Son Alba Forno Crespo, candidata á alcaldía de Lalín polo PSdeG PSOE.
Son técnica superior en Administración e Finanzas e levo máis dunha década dedicada ao sector seguros. Actualmente continúo coa miña formación na Universidade Oberta de Cataluña (UOC). Así mesmo, dirixo unha pequena empresa familiar. Ademais disto, ou primeiro que nada, son nai de dous cativos.
Traballar cara ao público e escoitar as súas necesidades leváronme a formar parte da política local hai catro anos. Neste período, asumín o cargo de concelleira na corporación municipal, no ano 2020 fun elixida Secretaria Xeral dos socialistas de Lalín e no 2021 entrei no Comité Nacional.
Considérome unha muller do rural. Nacín nas veiras do Carrio e alí paso boa parte do meu tempo. Gústame pasar tempo en familia e coas amizades. Tamén son amante do deporte, practico atletismo e no meu tempo libre saio a facer rutas ou correr polo monte.
Son unha muller reivindicativa e inconformista, que loita polos dereitos de todos e todas, por iso, neste 2023 dou un paso máis e preséntome como candidata ás eleccións municipais. Como socialista e lalinense creo que a nosa cidadanía merece moito máis e que da man poderemos construír un Lalín para todas.