A candidata dos e das socialistas lalinenses, Alba Forno, ven de propoñer un programa de apoio estable ás traídas veciñais de auga que en moitos casos “proporcionan auga de primeira calidade e que cunha boa xestión pode axudar a aforrar moitisima auga aos veciños e veciñas de Lalín”. De tal xeito, as comunidades interesadas nese programa recibirían apoio administrativo para a xestión das comunidades e subvencións para a mellora das redes e a construción de depósitos de abastecemento e hixiene.
Alba Forno xunto aos membros da candidatura Norma Fernández e Cristóbal Fernández, con ampla experiencia na xestión de augas en Bermés, afirman que as traídas veciñais poden ser unha grande axuda para a xestión da auga no Concello, “só hai que apoialas, pois a escaseza vai ser cada vez maior, os ríos transcorren cada vez máis baixos en verán, pero temos zonas onde non precisan ir a un río para sacar proveito de auga de calidade”.
Os/as socialistas consideran unha aberración oller auga no Deza en Vilatuxe, subila ata Lalín e logo bombeala ata parroquias coma Madriñán ou Anzo. “É ineficiente e non vai resolver o problema da auga no verán, pola contra se apoiamos aos veciños e veciñas poderemos conseguir auga de calidade, ben xestionada e diminuiremos o risco de quedar sen auga no período estival”, aseguran dende o grupo socialista.
Lamentan que Crespo lle dera as costas a esta posibilidade “porque está obcecado en derramar auga, pensa que cunha nova captación o problema se resolve, pero a xestión da auga en Lalín merece algo máis que un alcalde que derrocha, se despilfarra cartos como non vai despilfarrar auga”.
Desde o PSOE lalinense destacan que esta proposta encádrase perfectamente nos parámetros de investimentos sostibles europeos, polo que están seguros de que contarán con financiamento de Bruxelas para este fin e recalcan que o seu compromiso co medio ambiente será efectivo e real, “porque hai que traballar nesa liña e as políticas deben ir encamiñadas nese sentido, porque o coidado do medio ambiente ten que ser transversal en todas as propostas que se saquen adiante”. Así mesmo, puntualizan que a xestión de recursos naturais como a auga deben ser “primordiais”.