Os socialistas de Lalín propoñen a ampliación da senda peonil da EP-6009, pertencente ao proxecto do Cinto Verde ata Pareizo. “A actual vía demostrou ser un acerto e son ducias de veciños e veciñas que a empregan a diario, polo que imos ampliala ata o lugar de Pareizo (Goiás) para darlle máis seguridade aos peóns nesta área moi transitada tamén por vehículos”, explica Alba Forno. “Esta proposta daríalle continuidade a un proxecto pioneiro que naceu co obxectivo de conectar o casco coa contorna e darlle amplitude ao Paseo do Pontiñas, ao contar con zonas periurbanas polas que transitar e facer de maneira segura e entre natureza”. “Cada vez son máis as persoas que empregan as novas sendas e por iso, no futuro goberno, seguiremos aumentando o Cinto Verde con esta primeira ampliación pola estrada provincial”.
Alba Forno lembrou que o proxecto do Cinto Verde posto en marcha polo goberno anterior foi moi criticado polo alcalde, José Crespo, “mais demóstrase que foi un éxito”. Tanto, que recentemente o propio goberno do PP anunciou a ampliación das sendas peonís que van dende o a rotonda do Carrefour ata a capela de San Benito de Xaxán e tamén trazarán outra dende a Carballeira do Rodo ata a urbanización da área do Mercadona. Dende o PSdeG-PSOE de Lalín recórdanlle a Crespo as súas propias palabras cando asegurou que “el non executaría este proxecto” e que estas sendas eran “deslabazadas e inconexas”. Ante isto, os socialistas aseguran que o propio Crespo recoñece agora que se trata dun gran proxecto para Lalín e acúsano de ser un especialista do cinismo e da mentira, ao tempo que lle preguntan a que se debe este cambio de parecer “e se agora considera que estas zonas xa non son tan inconexas”.
“O Cinto Verde é un magnífico xeito de conectar as zonas da contorna do casco urbano e de darlle seguridade aos peóns que transitan por esas vías, ampliando os itinerarios para o ocio saudable”
Alba Forno
Os socialistas de Lalín indican que o Cinto Verde “é un magnífico xeito de conectar as zonas da contorna do casco urbano e de darlle seguridade aos peóns que transitan por esas vías, ampliando os itinerarios para o ocio saudable” e inciden en que ata Crespo se decatou de que é un éxito. “Como foi un proxecto do anterior goberno, cando estaba na oposición só quería ensucialo, pero agora observa a realidade”, afirman.
Ademais, os socialistas recalcan que estas sendas son espazos polos que poden transitar persoas con mobilidade reducida ou familias con carros de cativos/as sen ningún problema, xa que son espazos adaptados e cómodos para camiñar pola natureza de forma segura.