ALBA FORNO PROPÓN A HUMANIZACIÓN PRIORITARIA DA RÚA RAMÓN ALLER ONDE A DÍA DE HOXE FALTAN ATA AS BEIRARRÚAS
23 Maio 2023

A candidata á Alcaldía, Alba Forno, vén de propoñer a humanización da rúa Ramón Aller para dotala de máis espazo para os peóns, darlle infraestrutura e crear unha verdadeira continuidade urbana peonil ata Donramiro, hoxe interrompida pola ausencia de xestión neste eido.

Para a candidata socialista “non é de recibo que en pleno núcleo urbano de Lalín haxa unha rúa tan importante como a Ramón Aller que carece de beirarrúas en varias zonas e noutras ten un ancho polo que non colle unha cadeira de rodas ou un carriño de bebé”. Alba Forno faise eco das continuas demandas veciñais da zona e considera que “se poden ampliar beirarrúas sen reducir aparcamento, hai unha calzada ancha e hai que liberar a rúa de tráfico pesado que aínda segue pasando por ela. Non é unha rúa segura agora mesmo”.

Ademais a candidata socialista pretende incluír nesta reforma urbana a rúa do Tirabeque, ancheando e dotando de beirarrúas a esta rúa que conecta o centro coa zona do Concello: “É unha vergoña como está agora”. O proxecto de Ramón Aller complétase coa ampliación da cuberta verde da rúa e zonas de calmado de tráfico en cruces como o da Molinera. “Cremos que Ramón Aller debe continuar sendo unha rúa con circulación, pero hai que aliviar o tráfico, gañar espazo para os peóns e facela máis amable ,ese é o obxectivo fundamental”, afirma Forno.

Ademais, dende a candidatura socialista tamén se pretende avanzar na humanización de outras dúas rúas que se quedaron atrás como a rúa Pintor Laxeiro “que na zona que vai dende a Luis González Taboada ata o actual Centro de Saúde ten zonas polas que non collen dous peóns”, ou a rúa Vidal Abascal, mellorando de paso a entrada traseira do IES Laxeiro.

Dende o grupo socialista remarcan que no seu modelo de vila “darase prioridade aos peóns e mellorarase a seguridade urbana e accesibilidade das beirarrúas. Traballaremos neste eido para facer de Lalín un espazo seguro, adaptado aos tempos e no que as persoas teñan prioridade fronte aos vehículos, que sempre será a nosa liña de política”, conclúe a candidata á Alcaldía.