ALBA FORNO: “QUERO FACER HISTORIA EN LALÍN E SER A PRIMEIRA MULLER ALCALDESA”
5 Maio 2023

O PSdeG-PSOE de Lalín presentou onte a súa candidatura fronte a máis dun centenar de persoas nun acto que tivo lugar no Pazo de Liñares. Alba Forno, candidata á Alcaldía, estivo acompañada polo Ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación do Goberno de España; a presidenta do PSdeG, Carmela Silva; o secretario xeral provincial, David Regades, e o eurodeputado lalinense, Nicolás G. Casares.

“Esta xornada quedará marcada para sempre na historia do socialismo lalinense. Se me din hai tan só uns poucos meses que hoxe ía estar aquí, falando diante dun ministro e de ducias de compañeiros/as e veciños/as liderando un proxecto de futuro para Lalín eu dende logo que non o crería”, así comezaba o seu discurso Forno e afirmou que “quero facer historia e ser a primeira muller alcaldesa”. Entre anécdotas, sinalou que Crespo leva máis anos no Goberno dos que ten ela, pero “o certo é que Lalín paga as consecuencias de anos e anos de Crespo. Do goberno de sempre, o alcalde de sempre e coas mesmas políticas de sempre. As consecuencias son que Lalín sofre un estancamento sen precedentes”.

A candidata á Alcaldía indicou que “é tempo de mudar estas políticas” e expuxo que na candidatura socialista apóstase polo emprego, por uns salarios dignos e por apoiar aos pequenos/as empresarios/as e autónomos/as de Lalín. “Só hai que observar que os primeiros postos da nosa lista está ocupada, maioritariamente, por homes e mulleres que son asalariados/as, pequenos/as empresarios/as, comerciantes ou autónomos/as”. Así mesmo, lembrou as palabras do seu antecesor, Román Santalla cando lle dixo que “can vello non colle ensino” e resaltou “non colleu”. Entre as numerosas faltas de respecto, destacou a última “dicir que o PSOE era un cancro para España, que falta de sensibilidade!”, aclamou Forno e engadiu “ sabe o que lle digo, señor Crespo, que para min é unha honra ser candidata dun partido con 143 anos ao servizo da cidadanía e que firmou todos e cada un dos avances sociais deste país”.

Tamén indicou que o nerviosismo do Partido Popular de Lalín leva ao actual Alcalde a dicir que “nas aulas lalinenses hai sectarismo e adoutrinamentopara facer ver que os mozos e mozas que simpatizan co PP se senten perseguidos ou ameazados… Non se poden facer acusacións tan graves á lixeira”. Ademais, afirmou que “en Lalín o fácil é ser do PP, ós que non son do PP son os que sobren coaccións e presións se non preguntádelle a compañeiros coma Tobi, o difícil que era simplemente dar a cara por outras siglas que non foran as do PP, verdade? Leccións de defender a liberdade ideolóxica ningunha señor Crespo! Eu ofrezo pasar da crispación ao diálogo; pasar da opacidade á transparencia; da inoperancia á xestión e dos favores á igualdade de oportunidades para todos/as”.

Así mesmo, puxo de manifesto que levará a cabo medidas para mudar o modelo urbano, que o rural será unha prioridade “non só os últimos meses antes das eleccións, que haberá melloras no eido dos deportes, propostas sanitarias e demais. “E xa por último, quería falar das mulleres. Que mal o levan… Pero si, señor Crespo, señores do PP, por moito que lles pese, as mulleres estamos aquí!”, aclamou Forno. Para rematar afirmou estar orgullosa de todo o equipo, e concluíu dicindo: “Agardamos que todos e todas elixades avanzar con nós”.

Pola súa banda, o secretario xeral provincial, David Regades, destacou o papel da muller na provincia de Pontevedra, e puxo de manifesto que “Alba contará cunha aliada fundamental, que é Carmela Silva, non só como feminista senón como presidenta da Deputación e xuntas construiredes un Lalín cheo de oportunidades e un Lalín mellor”. Así mesmo, Carmela Silva destacou que Alba é “o futuro pero tamén o presente. É unha muller nova, forte, con garra, valente, decidida e que ama profundamente a Lalín. Esta vila ten que poñerse no mapa da modernidade e ter xa unha muller alcaldesa”, aclamou a presidenta do PSdeG.

Para pechar o acto, interviu o ministro José Manuel Albares, quen empezou destacando que “sempre estou informado de todo o que pasa en Lalín porque conto no meu equipo con Adriana Viz (lalinense e membro da lista de Alba Forno) e tamén estou en contacto co eurodeputado Nicolás G. Casares, polo que sei todo o que acontece aquí”. O ministro destacou que Alba representa todos os valores do socialismo, “como son estar ao carón da xente, escoitala e darlle prioridade as súas necesidades”. Fixo un repaso polos avances históricos acadados polo grupo socialista e rematou dirixíndose a Alba: “Sei que estás comprometida con Lalín, pero sobre todo cos veciños e veciñas, que é a esencia do socialismo. Darlle o apoio a esta candidatura é apostar por unha boa xestión económica, por políticas progresistas que protexen a cidadanía á vez que se melloran os servizos públicos. É apostar por unha sanidade e educación públicas de calidade e garantidas fronte aos recortes. Hai que apostar por Alba Forno e non pola involución”, concluíu.