ANTÓN BRANCO VILARIÑO IRÁ NO POSTO NÚMERO 7 NA CANDIDATURA DE ALBA FORNO
23 Abril 2023

O grupo socialista de Lalín segue a presentar a súa lista, que é renovada e revolucionaria, e da cal formará parte o lalinense Antón Branco Vilariño. É natural do casco urbano e traballa como analista de datos no sector financeiro. Leva anos vinculado a vida política, pero decidiu dar un paso á fronte “cando vin que Alba era a candidata do grupo socialista”.

Branco destaca que a candidatura de Alba Forno é “a única posibilidade de deixar a Crespo na sombra de unha vez por todas e quitar ese grande obstáculo que representa el para que Lalín avance”. Ademais, resalta que “a nosa vila necesita máis persoas coma Alba Forno, que é a mostra do Lalín do futuro e que irá cos tempos”. Engade que a candidata socialista e o seu proxecto está enfocado “cara ás pequenas cousas que preocupan no día a día a nosa veciñanza, sen deixar os folgos nas grandes inversións sen proxectos. É unha persoa próxima á veciñanza, e fai moita falla”.

Antón Branco irá no posto número 7 da candidatura socialista á Alcaldía e afirma estar entusiasmado con este proxecto, “no que traballarei para achegar ideas enfocadas ao ámbito dixital, á transparencia e ao medio ambiente, posto que estudei bioloxía”. Así mesmo, destaca que as súas ideas encaixan coas do PSOE de Lalín e puntualiza que “os valores de Alba representan o que busco da política, un espazo participativo, no que se escoite ás persoas e se respecten as ideas. Alba será a primeira alcaldesa de Lalín, estou convencido”.

Pola súa banda, a candidata á Alcaldía, Alba Forno, detalla que Antón é unha persoa altamente traballadora, “que desde que o chamei estivo disposto a achegar as súas ideas e a traballar ao meu carón”. Destaca del que sempre suma e “está disposto a deixar boa parte do seu tempo por traballar para a veciñanza. Ten ideas innovadoras e rompedoras que levaremos a cabo en canto cheguemos á Alcaldía”. A candidata mostra a súa satisfacción por contar con Antón no seu proxecto, xa que “controla moitas áreas que son relevantes hoxe en día, coma as novas tecnoloxías ou o medio ambiente”.