CARMELA SILVA AFIRMA QUE LALÍN SÓ TERÁ UN VERDADEIRO CAMBIO SE “HAI UNHA MULLER NA ALCALDÍA”
17 Maio 2023

Contamos coa visita da presidenta do PSdeG e da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que veu a mostrar o seu firme apoio á candidatura que encabeza Alba Forno. Silva destacou que “o verdadeiro cambio será cunha muller na Alcaldía de Lalín e a única opción que ten a veciñanza é votar a Alba Forno o vindeiro 28 de maio”.

A presidenta lembrou que a Deputación sempre estivo ao carón da veciñanza de Lalín e foi a administración que máis investiu, xunto co Goberno Central, neste concello. Sinalou obras como a ampliación do cemiterio da Romea, que actualmente se está levando a cabo, ou as xa feitas coma a do campo de fútbol de Vilatuxe, ou mesmo a das súas Wenceslao Calvo Garra ou Calzada. “Foron máis de 23,5 millóns de euros investidos neste concello nos últimos 8 anos. Nós non miramos cores políticas de quen goberna, senón que apoiamos todos aqueles proxectos que supoñen melloras para os/as veciños/as”, resaltou a presidenta.

Asegura que con Alba Forno na Alcaldía volverá “un Lalín cheo de oportunidades para todo o mundo, non só para uns poucos, e a vila será propiamente do século XXI, con espazos para as persoas, pero sempre con sostibilidade económica”. Asi mesmo, a candidata á Alcaldía lembrou que unha das propostas e que as rúas Loriga e Principal volvan a ser peonís. “Con este Goberno o único que se fai é tirar os cartos en melloras destas rúas porque seguen dándolle prioridade aos vehículos. É necesario pechalas para facer unha vila máis humanizada”, apunta Forno. No mesmo sentido, indicou que dende o grupo socialista se valora a reforma doutras rúas, unha reforma da Praza da Vila ambiciosa e realista, na que “non se endebedará ao Concello nin se tirará con parte do legado histórico do mesmo”.

Ademais, Forno e Silva reivindicaron que desde as súas posicións construirán un Lalín con políticas máis avanzadas e igualitarias. “Está claro que cunha muller a fronte deste concello, a igualdade de oportunidades, as políticas innovadoras e a transparencia serán os eixos fundamentais”, indicou a presidenta. Forno destacou que dende o grupo socialista teñen un proxecto claro, un equipo preparado e moitas ganas para traballar pola veciñanza e sempre da man coa mesma. Un Concello non se Goberna dende un sillón e sen escoitar ás persoas”.

Silva afirmou que o PSOE de Lalín conta cun programa “ambicioso e realista, que levará a cabo dende o 29 de maio. Son un grupo de persoas traballadoras, que queren a Lalín e cun proxecto pensado para todo o mundo. Estou moi orgullosa desta candidatura”, concluíu a presidenta.