CONTRATAREMOS UN SERVIZO DE MANTEMENTO DE DESBROCES E ACHEGAREMOS O SANEAMENTO A TODO O RURAL
18 Maio 2023

O medio rural é un dos eixos fundamentais para nós e por iso, a partir do 28 de maio, “poñerémonos a traballar para potencialo e coidalo, xa que este Goberno tívoo totalmente abandonado ata hai uns meses, cando se achegaba a data das eleccións”, explica Norma Fernández, membro da candidatura de Alba Forno.

Unha das medidas é poñer en marcha a contratación dun servizo integral regrado de mantemento de desbroces, cunetas e bacheo. “A creación deste servizo permanente será unha solución a gran parte das demandas básicas que se realizan dende as parroquias e permitirá alongar a vida das infraestruturas”, expón Fernández. Dende o grupo socialista consideran que este é un xeito de manter as aldeas en bo estado, “e non coma na actualidade” e tamén de potenciar o acceso ao rural “para facelo máis atractivo de cara ao turismo. O noso rural ten encanto e hai que dinamizalo para atraer o turismo ao rural e evitar o despoboamento, que actualmente é un problema moi grave que afecta a toda a Comunidade”.

Por outra banda, Fernández lembra que o Partido Popular prometeu o saneamento integral do rural, “pero a realidade é que non chegou a facer nin o 50 % e a maioría foi adxudicado recentemente, coma a maioría das obras, chegando a algúns lugares das parroquias”. Ante isto, o PSOE de Lalín comprométese a facer un Plan Integral de Saneamento e un Programa de Mellora Integral de Abastecementos, que chegarán a todos os núcleos rurais. “Farémolo dende que cheguemos á Alcaldía co obxectivo de non discriminar ningunha aldea e que dunha vez toda a nosa veciñanza do rural poida contar con estes servizos”.

Outra das medidas será o deseño dun plan de asfaltados municipais. “Actualmente temos moitas pistas que están en estado deplorable e consideramos que isto non se pode permitir. Por iso, definiremos no último trismestre do ano as prioridades de reasfaltados de pistas locais para garantir a súa execución na primavera-verán seguinte”, aclara a membro da candidatura.

Estas medidas compleméntanse, entre outras, coa xa anunciada con anterioridade de recuperar a democracia no rural, que é fundamental para a transparencia nas aldeas e para deixar os amiguismos. “Queremos un rural transparente, que avance cos tempos e que lle brinde oportunidades á veciñanza e sexa un atractivo para evitar o despoboamento”, conclúe Fernández.