CONVOCAREMOS ELECCIÓNS PARA ELIXIR AOS REPRESENTANTES DAS ALDEAS
5 Maio 2023

O PSdeG-PSOE de Lalín asegura que recuperará a democracia do rural e convocará as eleccións para elixir aos/as pedáneos/as das parroquias. Norma Fernández, membro da candidatura socialista, lembra que esta medida supuxo unha volta “á transparencia e á democracia durante o goberno de coalición, pero coa volta do Partido Popular retrocedeuse”.

Coa chegada do cuatripartito, comezou a elixirse ás persoas representantes das parroquias mediante eleccións e aprobouse un regulamento de participación cidadá nas aldeas. Mais na actualidade, seguen os/as mesmos/as pedáneos/as, a pesares de que deberían haber cesado hai catro anos, coa volta do PP ao Goberno. “Está claro que ao Goberno de Crespo non lle gusta a democracia nin os procesos participativos, nos que a veciñanza ten voz”, expón Fernández.

Cabe lembrar que en novembro de 2019, o grupo socialista e CXL presentaron un escrito solicitando a legalidade da situación e no informe de Secretaría recollíase que non se estaba a cumprir a normativa aprobada durante o anterior mandato. Ademais, en dito informe explicábase que había que aplicar a normativa, é dicir, pór en marcha o procedemento de elección dos alcaldes de aldea, ou modificar ou mesmo derrogar devandito regulamento. Tamén se aclaraba que dese xeito non se podían realizar acordos nin realizar funcións ou xestión dos/as alcaldes/as de barrio ou os consellos parroquiais que figuran no Regulamento de Participación Cidadá. “É dicir, que o concello contou con estes representantes, nomeados en 2016, pero sen atribucións. Foron catro anos perdidos neste sentido e que hai que modificar de maneira inmediata para que estas persoas poidan exercer as súas funcións”, asevera a membro da candidatura.

Dende o PSOE de Lalín aseguran que esta medida é fundamental nun Goberno que “debe ser transparente e demócrata”, e que ademais “é urxente para o noso rural, que tan abandonado está. Este é o mellor xeito de estar en contacto constante con todas as aldeas e coas súas necesidades, e, por suposto, con todas as persoas que residen no rural, que a través dos/as seus representantes poden facernos achegar as súas demandas”. Así mesmo, aclara Fernández que así se desbota a política de ter representantes afíns ao partido do Goberno, “posto que son elixidos entre todos e todas nas urnas. Esta é unha política vella que non debe seguir e nós non a queremos. O noso obxectivo é atender e escoitar a toda a veciñanza, independentemente da súa cor política. Por iso convocaremos ass eleccións neste ano, para que volva a democracia ao noso rural”.