A concellería de Deportes será de importancia para o Goberno de Alba Forno e por iso presenta varias medidas para mellorar esta área. “En Lalín temos moito deporte e todos os clubs se merecen unhas mellores instalacións, condicións e máis visibilidade”, expón o concelleiro e membro da candidatura socialista lalinense, Mario López. Así mesmo, indica que “hai moitos clubs que están facendo un enorme traballo, traendo competicións para Lalín e poñendo ao noso concello no máis alto do mundo deportivo”.
Entre as propostas, está mellorar as axudas deportivas e a súa xestión, que foi unha das demandas máis escoitada nas reunións cos diferentes clubs. Por iso, propoñen que os pagos se realicen no comezo do ano e a súa petición ao pouco de empezar a tempada cada club. Así mesmo, dende o grupo socialista promoverase e favorecerase a práctica deportiva de deportistas con diversidade funcional, facilitándolle medios e instalacións para a súa práctica.
En canto a instalacións, unha das propostas é cubrir unha das pistas de tenis situadas a carón do Pavillón Polideportivo, “que permitirá que durante o inverno tamén poidan ser empregadas, como nos solicita a veciñanza”. Así mesmo, actualmente a veciñanza de Lalín trasládase ao concello veciño de Silleda para poder practicar pádel, posto que as pistas que se encontran no Lalín Arena son insuficientes. “Son moitas as persoas que neste momento practican este deporte de maneira profesional, por iso consideramos que hai que mellorar as que hai actualmente, xa que en moitas ocasións presentan un mal estado pola choiva, e crear novos espazos”, explica López. Por iso, propoñen construír novas pistas de pádel na zona de aparcamento do Lalín Arena, xunto as que hai actualmente.
En canto ás pistas de atletismo, como xa foi anunciado en varias ocasións, dende o PSOE estiveron en contacto cos propietarios dos terreos e acordaron mercar 25.000 m2 para a construción de ditas instalacións. “Esta foi unha das grandes promesas do PP que non foi nin capaz de comezar. Enganou tanto ao Club como á veciñanza, asegurando que tiña acordo que logo nin existía. Ademais, negoulle reunións aos propietarios e a única vía que contempla é a expropiación, porque é o seu xeito de actuar. Nós preferimos o diálogo e que todo o mundo saia beneficiado”, recalca. Ante isto, consideran que o espazo acordado cos propietarios é o xusto para contar con todas as disciplinas de atletismo e ademais poderase contar co campo de rugby, que permitirá desconxestionar o Manuel Anxo Cortizo.