CRESPO CARECE DE INFORMES URBANÍSTICOS E DE PATRIMONIO PARA A GRAN PRAZA
18 Febreiro 2023

Tras a revelación pública de que o alcalde, José Crespo, pretendía comprar varios inmobles e fincas no entorno da Praza da Igrexa para dar forma a súa megalómana idea dunha praza desmesurada para as características da nosa vila, o PSdeG-PSOE de Lalín procedeu a petición inmediata da documentación existente no Concello. Tras un silencio administrativo, membros do grupo socialista tivemos a oportunidade de examinar a mesma, na que só atopamos un informe técnico municipal de valoración dos terreos sen constar no expediente entregado ningún informe de viabilidade urbanística ou de Patrimonio, pois hai afectación pola proximidade á Igrexa e ao Camiño de Inverno. “No Concello só un informe de valoración dos terreos, polo que gastar nesa compra 2,5 millóns de euros sen informes urbanísticos, de Patrimonio ou sen a certeza da correspondencia das parcelas é unha barbaridade”.

Á vista da escasa e incompleta documentación existente e a que no propio informe se detalla a falta de correspondencia entre as superficies que documentan os propietarios e as existentes no catastro, o propio técnico municipal informounos que dita situación “deberá ser obxecto das correccións oportunas”. Este feito asómbranos ao grupo socialista, polas intencións mostradas polo alcalde de mercar os terreos antes das eleccións. Ante isto, os/as socialistas advirtimos ao alcalde que “calquera compra ou compromiso de compra antes das eleccións do 28 de maio acabará coa inmediata denuncia ao alcalde ante a Xustiza, pois estaría poñendo en risco o patrimonio municipal de xeito temerario”.

“Calquera movemento que faga Crespo sen aclarar estes puntos é absolutamente temerario e improvisado”

Grupo socialista de Lalín

Revelamos que os procesos de corrección catastral, necesarios para a inscrición en rexistro das fincas, levan o seu tempo e hai casos no Concello que ata se demoraron anos: “O que está claro é que non é cousa que se arranxe nunhas semanas, ao igual que os informes de Patrimonio, que deberían ser preceptivos antes da compra, pois podería darse o caso de que se impida a alteración do núcleo da Praza da Igrexa e por conseguinte a necesidade de manter as casas como están”. Ante esas razóns, os socialistas consideramos que calquera movemento que faga Crespo sen aclarar estes puntos é absolutamente temerario e improvisado.

En definitiva, con esta petición e revisión da documentación “é evidente que Crespo tratou de enganar, unha vez máis, á veciñanza, algo ao que nos ten acostumados/as, posto que a documentación existente aínda é vaga e imprecisa e denota algo que xa advertimos hai tempo: o PP non ten modelo de vila e móvese polas arroutadas de Crespo”.