“A falta de transparencia e de democracia destes catro anos rematará o 28 de maio coa chegada do PSOE á Alcaldía de Lalín”, asegura a candidata, Alba Forno. Nestes catro anos, o grupo socialista padeceu as trabas para o acceso á información e informes, por iso considera que “isto ten que rematar”. Así mesmo, os datos que se publican nos diferentes portais do Concello “deben ser veraces e non levar ao engano á cidadanía”.
Unha das medidas será mellorar o Portal de Transparencia e Goberno Aberto, integrando no mesmo unha aplicación de participación cidadá. “Actualmente estas webs están totalmente desactualizadas e teñen datos falsos, polo que é preciso poñelas ao día e con datos reais, que sirvan de utilidade para a veciñanza”, expón a candidata. Engade que estes portais deben ser claros e ter a disposición de todo o mundo as convocatorias, prazos, bases e datas dos diferentes trámites que teñen dispoñibles os/as veciños/as. “Actualmente para chegar ás bases ou á documentación precisa para facer unha solicitude dunha axuda é preciso rebuscar nos portais. Son moitas as chamadas que recibimos para axudarlle á xente a realizar estes trámites, que deberían ser algo sinxelo”, puntualiza Forno.
A candidata comprométese a dar acceso á documentación e informes que solicite a oposición ou a cidadanía en menos de dous meses. “É un auténtico escándalo o que sufrimos nestes catro anos, nos que nos permitían ver documentación, moitas veces incompleta, catro meses despois de habela solicitado. Isto non pode pasar porque o noso traballo é fiscalizar as actuacións do Goberno e para iso é preciso revisar toda a documentación, pero nun tempo prudente”, indica.
O grupo socialista mellorará as tecnoloxías e para iso empregará o software libre nos sistemas informáticos do Concello así como na creación da nova infraestrutura dixital. Tamén se asegura a protección dos datos xerados durante a contratación pública coa finalidade de xerar privacidade e seguridade no fluxo da información.
Finalmente, a candidata asegura que publicará un informe anual do estado e evolución do cumprimento do programa electoral e os cambios sobrevidos. “Vimos como este Goberno non chegou a un 70 % do programa cumprido e non rende contas de onde preferiu investir. Nós comprometémonos a dar as explicacións necesarias de a onde se destina o diñeiro da cidadanía”, conclúe Forno.