Hoxe ás 00:00 dará comezo a campaña electoral e dende o PSOE de Lalín lanzamos o lema: Elixe Avanzar. Alba Forno, candidata á Alcaldía, expón que este slogan é “positivo e convida á veciñanza a elixir un proxecto para mellorar Lalín e a vida da veciñanza, co obxectivo de acadar un futuro con máis oportunidades para todos/as, máis atractivo e máis transparente e demócrata”.
Forno explica que esta campaña está pensada e creada coa participación da veciñanza “e o que máis percibo é que a xente quere avanzar e deixar atrás a crispación e as políticas que xa non son destes tempos”. Por iso, destaca que se creou este lema posto que “ofrecemos un xeito de facer política diferente: próxima á veciñanza e participativa. Creo que as persoas que forman parte dun Goberno local non poden estar á marxe das opinións e inquedanzas da cidadanía. Hai que escoitar e respectar a todo o mundo, independentemente da cor e isto é o que ofrecemos o grupo socialista”.
“O noso programa contén medidas realistas, sostibles e ambiciosas que fomos recollendo da veciñanza e que poñeremos en marcha en canto entremos a Alcaldía”
Alba Forno, candidata á Alcaldía
En canto ao programa, presentamos 150 propostas “realistas, sostibles e ambiciosas”. A candidata á Alcaldía mostra o seu orgullo por este proxecto, “que contén medidas que fomos recollendo da veciñanza e que poñeremos en marcha en canto entremos a Alcaldía”. Explica que son propostas realistas, “moitas delas sostibles economicamente ou que se poden beneficiar de axudas estatais ou europeas, que non perderemos como fixo este Goberno”. O programa contén medidas ambiciosas, que son necesarias para avanzar e mellorar Lalín, pero sobre todo sostibles e realizables: “Non queremos vender infografías que quedarán en baleiro nin un programa que quede sen facer nun 80 %, coma este Goberno. Tampouco cremos na política de levar a cabo actuacións nos últimos meses antes das vindeiras eleccións, senón que traballaremos en todas as áreas dende o primeiro momento”, aclara Forno.
A candidata socialista invita á veciñanza a que lea o programa, que está dispoñible na súa web, e que invita a que participe coas súas inquedanzas: “A nosa base é a escoita de todas as propostas, necesidades e inquedanzas, e así seguirá sendo, agora e despois do 28 de maio, independentemente da posición que escolla para nós a nosa veciñanza”, indica Forno.
Dende o PSdeG-PSOE mostrámonos con forza e ganas de darlle un xiro a política: “Primeiro porque temos un equipo traballador e preparado, e segundo porque temos un proxecto realista e que toca todas as áreas de interese e que supoñerá un grande avance para Lalín”.