O turismo é unha área que nos últimos anos estivo só focalizada na Feira Internacional do Cocido: “É certo que esta cita é todo un éxito pero leva anos xa consolidada e xa funciona soa”, expón a candidata socialista á Alcaldía, Alba Forno, e lembra que “nestes catro anos sempre estivemos en todos os actos, pero a carón da veciñanza e visitantes, que é onde hai que estar”. Por iso, dende o PSOE de Lalín cren na democratización desta Feira e farán unha aposta seria pola internacionalización sen algaradas, “cun programa de respecto ao produto e ás persoas visitantes, que son os verdadeiros protagonistas”.
En materia de turismo, a candidata lembra que un dos proxectos estrela do Goberno de coalicación foi apoiar e potenciar Roteiros de Lalín. Este programa naceu en 2015 e actualmente está totalmente consolidade e conta con máis de 400 km de rutas por Lalín. “Fan un gran traballo e necesitan un maior apoio por parte da institución local, por iso estableceremos un convenio no que se fixará unha subvención axeita á súa actividade”, explica Forno.
Dende o grupo socialista aseguran que este proxecto atrae a numerosas persoas a percorrer “o noso rural, que tamén é preciso potencialo a nivel turismo. Temos espazos naturais que moita veciñanza descoñece e que son fermosos, por iso contar con proxectos coma este é fundamental e hai que darlle o pulo preciso para que sigan facendo esta labor”, indica a candidata. Ademais, explica que levan a cabo un traballo de limpeza dos espazos naturais e dos camiños “que é impresionante e para o que precisan máis medios”. Para isto, consolidarase a sinaléctica das rutas e o coidado dos camiños no convenio que se establecerá.
En colaboración con Roteiros de Lalín e coa Xunta de Galicia, Norma Fernández, membro da candidatura, afirma que se deseñará unha Ruta do Románico e Arte Sacro . “Temos moito patrimonio e moi descoñecido, por iso solicitaremos axuda a administración autonómica para mellorar o patrimonio románico e darlle difusión, e un bo xeito de facelo é establecer unha ruta que transcorra por estes espazos”. Esa Ruta do Románico e do Arte Sacro contemplará una viaxe pola arquitectura, pintura e imaxinería retablística e percorridos por Lalín de Arriba, Donramiro, San Miguel de Goiás, a Igrexa de Soutolongo, as de Bermés e Palmou ou Itinerario por Cangas , Rodís e Palio.