FORNO MELLORARÁ O SERVIZO DE CONCILIACIÓN E PROPÓN UN FESTIVAL FEMINISTA
8 Marzo 2023

O PSdeG-PSOE de Lalín conmemorou hoxe o Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de Marzo, cun acto na sede para falar de Igualdade e dos proxectos que presentarán para ás eleccións do 28 de maio. O acto abriuno a concelleira socialista María Iglesias, quen ofreceu uns datos curiosos sobre temas nos que aínda fai falla traballar para acadar unha igualdade real. Entre eles, falou da xornada laboral, na que un 20 % das mulleres pide unha redución da xornada laboral para o coidado de menores. Un 48 % das mulleres interrompe a súa vía da laboral de 6 meses a 5 anos para este labores, mentres que tan só un 9,7% dos homes fai esta petición.

Así mesmo, destacou que actualmente a única candidata á Alcaldía en Lalín é a socialista Alba Forno. “É certo que cada vez hai máis mulleres dando pasos á fronte na política, pero segue a ser unha decisión difícil, máis no caso das mulleres. Dende o PSOE estamos convencidos de que é unha gran muller e que traballará arreo para brindar un Lalín para a Xente e para as Mulleres”, indicou. Forno recolleu a palabra e lembrou que “poñerme á fronte do partido foi unha decisión moi meditada e pensada, por moitos motivos, entre eles estar á altura do PSOE e, por suposto, de toda a veciñanza. Compatibilizar a vida laboral coa familiar é complexo, máis sendo muller, e asumir este cargo leva a terlle que dedicar tempo”.

Alba Forno durante o acto de igualdade

En materia de Igualdade, o PP de Lalín non lanzou máis proxectos dos que xa estaban de vello. “Poderíamos falar do Plan de Conciliación Familiar, que foi lanzado polo noso compañeiro Nicolás González Casares, ou do Cocido do Orgullo, proxecto de Celia Alonso, que mostran que os traballos que coñecemos veñen dende o PSOE”, expuxo e engadiu “eu teño claro que a igualade vai ser a miña liña de traballo transversal en todos os eidos e que implicará a moitas áreas que conforman o Concello”.

Unha das propostas que lanzou foi que dende o Consello da Muller, creado por este Goberno pero do que non se coñece traballo ningún, se elabore un Plan Municipal da Muller, que recollería un estudo de igualdade na nosa vila e a través do cal se lanzarían diferentes iniciativas como proxectos de educación escolar en igualdade ou talleres para homes, “que tamén teñen que formar parte desta loita e tomar conciencia”. Atraer o proxecto Extramuros, que tivo lugar la aldea de Cortegada (Silleda), programas na Radio Lalín sobre temas de igualdade, potenciar o Cocido do Orgullo ou lanzar máis concursos neste sentido son outras das propostas que puxo enriba da mesa. Na mesma liña, lanzou a proposta de crear un Festival Feminista na que se potenciará artistas galegas e locais, en todos os eidos (pintura, fotografía, música, teatro…).

“Eu son feminista e seguirei reivindicando os dereitos das mulleres ata que haxa unha igualdade real”

Alba Forno, candidata á Alcaldía

En termos de igualdade, tamén se acolle a Escola Infantil Municipal, que recentemente volveu a propoñer o PSOE de Lalín ou potenciar a Conciliación Familiar con máis espazos. “Actualmente, moitas familias teñen problemas nos períodos de vacacións e non todo o mundo ten avoas ou familiares para coidar aos fillos/as. O mesmo sucede coas persoas dependentes, en quen recaen os seus coidados maioritariamente? En mulleres, por iso é preciso ter un SAF que funcione a bo ritmo e con persoal para atender toda a demanda”, recalcou Forno.

Para finalizar o acto, déuselle a palabra ás persoas asistentes e recalcouse que o 8M segue sendo un día sinalado no calendario, polo que “é necesario seguir poñendo o foco neste tema e por iso mañá sairemos a rúa para manifestarnos por unha igualdade real e pola defensa dos dereitos das mulleres e en concreto das nosas veciñas”.