O PSdeG-PSOE de Lalín presentou hoxe dúas medidas do seu Plan de Mobilidade Sostible co que se presentará aos comicios de maio: Trátanse do Bus Lalín 360 e o Taxi Lalín 360. Na presentación estiveron presentes o eurodiputado lalinense, Nicolás González Casares, a concelleira María Iglesias e a candidata á Alcaldía, Alba Forno.
“Como dixen cando me presentei a este posto é que escoitar á veciñanza ía ser unha das miñas premisas e isto que presentamos hoxe é unha demanda que levo escoitando tempo e que queremos que sexa unha realidade”, indicou a candidata. Así mesmo, destacou que facilitarlle a vida á nosa veciñanza en xeral é un dos nosos obxectivos por iso cremos que medidas coma estas son necesarias para as familias, para os nosos maiores, para o noso comercio e para todos e todas as que vivimos nesta vila”.

Unha das iniciativas é o Bus Lalín 360, que contempla bus urbano que servirá para conectar puntos clave como pode ser o CIS, as instalacións deportivas, os polígonos industriais, as áreas comerciais, auditorio e mesmo os tanatorios, que se atopan alonxados do casco urbano. Esta liña contaría cuns horarios fixados, sería circular e estaría en funcionamento boa parte do día. “Hai xente maior que vive no noso casco urbano que para asistir a unha cita médica precisa dun taxi, co gasto que iso leva. O bus tería unha tarifa axustada e mesmo se poderían facer bonos ou sufragar os seus gastos para aquelas persoas máis vulnerables. Ademais, fomentaría a conciliación familiar xa que permitiría á mocidade empregalo para asistir ás actividades sen necesidade de que as nais os leven ata as instalacións”, analizou Forno. Así mesmo, en períodos estivais poderíanse establecer uns horarios para potenciar o noso turismo. De xeito que o bus saia cara a espazos como Pozo do Boi o Pazo de Liñares ou a Fraga de Catasós.

O Taxi Lalín 360 estenderase ao noso rural e será baixo demanda. É unha medida que xa se implementou noutros lugares e que está a funcionar e ten unha alta demanda pola veciñanza. “Deste xeito potenciaríase o noso rural e poñeríase en valor, ademais de conectalo co casco urbano, que moitas veces non é tan sinxelo”, afirmou Iglesias. Principalmente está dirixido a persoas maiores, con mobilidade reducida ou que non teñen recursos. Estableceríanse unhas bases e todas aquelas persoas que queiran solicitalo sería a través do Concello, que unha vez aprobado lle outorgaría un número de vales para poder empregalo. Logo, dende a administración estableceríase un convenio co colectivo de taxistas e segundo as viaxes que fagan cobrarán. “Estes vales poden ser compartidos, polo que se aforraría e permitiría que usuarios/as sufragar o copago (que será reducido) conxunto e aproveitar este servizo”, aclarou a concelleira.
Ambas medidas forman parte dun Plan de Mobilidade que ten por obxectivo facilitar a vida da nosa cidadanía, mellorar a calidade de vida das persoas que viven no rural e no casco urbano, ademais de fomentar o turismo e dinamizar economicamente a nosa vila. Por suposto, ambas serán sostibles e servirán para combater o cambio climático.
Finalmente, Nicolás G. Casares puntualizou que hai liñas de axuda, como a que saíu recentemente, que facilitarían o financiamento desta medida. Por exemplo, recentemente, sacaron unha subvención para autobuses eléctrico, que será o que se contemplará para esta medida. “Cando Alba chegue a Alcaldía poderá poñelo en marcha e de seguro haberá novas liñas de financiamento, tanto para a adquisición de vehículos como para sufragar gastos desta iniciativa”.
