FORNO PRESENTOU PROXECTOS PARA A MOCIDADE ENFOCADOS NA EDUCACIÓN, NO DEPORTE, NO EMPREGO E NO TEMPO DE OCIO
22 Abril 2023

O PSdeG-PSOE de Lalín presentou onte as propostas de cara á mocidade nun acto que tivo lugar no Café Camilo de Lalín. A secretaria de Igualdade do PSOE de Lalín, Laura Nercellas, foi a encargada de abrir a cita e recalcou a importancia que ten a mocidade para a nosa sociedade e destacou que para o PP é a grande esquecida, pero “con Alba isto vai cambiar”.

Logo foi a quenda do Secretario Xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval, quen empezou a súa intervención destacando que o próximo mandato “ten que ser o da Revolución Necesaria, pero non só en Lalín, nos 313 Concellos de Galiza”. Puxo o foco na candidata socialista á Alcaldía de Lalín, Alba Forno, e destacou que “ser nova non pode ter ningún custe ou impedimento político, ao contrario, unha vantaxe. Non queremos paternalismo xeracional, que aínda que non peitemos canas, a vida échenos ben difícil e algo de experiencia nela temos”. Tras falar de temas relevantes como as axudas ao aluguer que sacou o goberno de Pedro Sánchez ou a mala xestión que fai o PP de Galiza con respecto ás conexións de bus, concluíu afirmando que “Lalín ten unha candidata nova e que será a revolución necesaria para facerlle fronte ao PP”.

Para pechar o acto, Forno puxo enriba da mesa diferentes propostas para a mocidade “a grande esquecida de Crespo, a que só lle acorda para facer campaña electoral”. Lembrou que na anterior campaña, o PP de Lalín levaba varias propostas para a xente nova, “mais en catro anos non levou unha soa a cabo”. A candidata destacou que as iniciativas foron recollidas de xente nova que se sumou ao partido, “porque teño claro que as miñas inquedanzas e necesidades, tendo en conta que son nai de dous fillos, probablemente distan das vosas na súa maioría. Porque aínda que me considero nova, hai diferenzas”.

En canto a educación, entre as propostas que lanzou destacan ampliar as becas de transporte para os estudantes, mellorar os horarios da biblioteca, atraer novos cursos formativos para a UNED e tamén novos ciclos, por exemplo de Enerxías Renovables que están en auxe. “Unha das iniciativas que nos propuxeron e crear espazos para quedar en grupos, algo sinxelo e necesario, porque eu que son estudante tamén vexo a importancia que ten ter espazos para poder quedar cos compañeiros”. Tamén falou de deporte, “porque en Lalín boa parte da nosa mocidade practica algunha disciplina”, e neste eido manifestou, ademais das pistas de atletismo, de pádel ou mellorar as condicións da piscina en canto a horarios e tamén destacou o deporte de ocio que contará cun rocódromo e un punp-truck.

Forno falou de emprego, e neste eido puxo de manifesto que “se alguén ten que render pleitesía para conseguir un posto de traballo é porque dende a administración local non se están facendo ben as cousas. Hai que xerar oportunidades para todos/as e non vender favores”. Puxo en riba da mesa a transparencia, que xa solicitou o PSOE de Lalín en numerosas ocasións, e que é necesaria. Para isto, propuxo mellorar a web de transparencia e a web do Concello, cun apartado no que se poidan ver de maneira clara e directa bases para becas, erasmus, campamentos ou axudas para a vivenda: “Nada de colas ás 5 da mañá para conseguir unha praza para unha excursión”.

Para rematar, afirmou que a festa “que tanto lle gusta a este goberno”, non será apartada, “pero hai que potenciar aos nosos artistas novas e para iso recuperaremos a foliada, potenciaremos o Cocido do Orgullo e tamén crearemos un Festival con Artistas da nosa zona, que son moitos”.