“Nunca subestimen a unha muller nai con ganas de darlle un futuro mellor aos seus fillos e a veciñanza da súa vila”, aclamou a candidata socialista á Alcaldía, Alba Forno, nun ateigado Salón Teatro. Centos de persoas se achegaron para escoitar o proxecto que encabeza Forno.
“Que esteamos aquí centos de persoas demostra as ganas que hai de cambio, a ilusión por construír un Lalín novo! É unha mostra das ganas que tedes de ser os/as protagonistas do futuro e de esquecer para sempre a longa noite de pedra do Partido Popular!”, afirmou a candidata á Alcaldía. No transcurso do acto lembrou varias anécdotas dos seus cativos e doutros nenos da vila: “Dicíame un pai estes días que o seu fillo chegou á casa preguntando a quen ía votar; e claro, o pai preguntoulle porque quería saber iso, que era moi novo para falar de política. O cativo contestoulle: “Eu téñoo claro eu quero que gañe ‘a chica’”. Canto saben os nenos… canto temos que aprender deles”.
Tamén lle respostou ao candidato do PP dicíndolle: “Pois claro que si! Son unha rapaza! Unha rapaza orgullosa de ser de Lalín! Unha rapaza que se formou, que emprendeu e que formou unha familia e un futuro na nosa vila. Son unha rapaza que aposta por este pobo, que cre na igualdade de oportunidades e cun proxecto para Lalín”.
No transcurso do discurso tivo boas palabras para o “equipazo” que a acompaña, do que destacou que representan a Lalín perfectamente. “É un equipo que vén a traballar. Xente que sabe de emprego, de esforzo e que coñece perfectamente o que precisa a veciñanza. Sen egos e sen rivalidades. Só ao servizo de Lalín”.

“Lalín precisa respirar, precisa aire fresco, novas ideas e novos xeitos de facer política. Precisa un Goberno que escoite á xente, que mire cara adiante, transparente, aberto, que aposte pola mocidade, que pense na xente antes ca no cemento e as grandes obras e que cambie a crispación pola eficacia na xestión!”, reclamou a candidata á Alcaldía. Presentou algún dos proxectos no eido da cultura, do emprego, a mobilidade, a mocidade, a igualdade, o rural, o deporte… “Como vedes son tantas e tantas as cousas por facer. Pero para facer realidade este proxecto tan ilusionante preciso o voso apoio nas urnas o día 28”, pediu Forno
Lembrou que o PSOE atópase en posición de liderar o cambio e que son a alternativa real ao PP. Así mesmo, expuxo algúns dos motivos polos que apoiar o seu proxecto a través de preguntas retóricas: Queredes un Lalín de progreso, que avance cos tempos? Nós si! Queredes un Lalín do que volver sentir orgullo? Nós Si! Un Lalín coas mesmas oportunidades para todos e todas? Nós si. Un Lalín, plural, aberto e transparente? Nós Si! Queredes rematar co despilfarro, coa débeda, cos cocidos en Miami? Nós si. Queredes un rural vivo, cos mesmo servizos? Nós si! Queredes recuperar o futuro de Lalín para a xente? Nós desde logo que si!”. Rematou afirmando que todo isto “se pode facer”.
Para iso, lembrou que é preciso votar a Alba Forno e “encher as urnas de votos de ilusión e confianza”. Afirmou que cando chegue á Alcaldía seguirá sendo unha persoa accesible, unha veciña máis, dunha familia humilde e traballadora; “que, hoxe, coma todos os días, se levantou para levar aos cativos ao colexio e traballar no que me dá de comer”.
“Lalín, elixide avanzar con nós. Fagamos historia todos e todas xuntas, porque imos gañar”, concluíu a candidata socialista á Alcaldía.

No acto estivo acompañada de Norma Fernández, número 5 da candidatura, que foi a encargada de presentar o acto e de lembrar que é un proxecto “con moitas posibilidades para cambiarlle a vida a nosa veciñanza e mellorala”. Tamén interviu o eurodeputado, Nicolás González Casares, quen afirmou que con Alba na Alcaldía “haberá moitos proxectos para que Lalín medre”. Román Santalla, anterior candidato, lembrou estes anos “escuros” de mandato do Partido Popular.
Anxo Álvarez, número dous da candidatura, foi o encargado de darlle paso a Alba Forno e expuxo algúns dos temas do programa enfocados ao comercio e á cultura, “que tanto esquecen dende o PP”. Tamén lembrou que “somos o voto útil. Somos a única alternativa a 40 anos do PP. Somos a alternativa do futuro. Que ninguén quede na casa”, pediu o membro da candidatura.