O PSdeG-PSOE de Lalín ofrece unha lista renovada e rompedora na que a mocidade terá un papel fundamental. Ademais da candidata, Alba Forno, que é unha muller nova, súmanse Iván Gordedo Sánchez, Eva González Blanco e Laura Nercellas García nos postos 6, 8 e 9, respectivamente.
Iván Gordedo Sánchez é veciño de Goiás e estudou, mentres compaxinaba os estudos de técnico de laboratorio, análise e control, co traballo en hostalería. “Sempre me gustou a política, porque é unha ferramenta que temos á nosa disposición para mudar a vida da xente”, destaca e engade que “estou orgulloso de que Alba quixese sumarme ao seu proxecto; dende que souben que era ela a candidata, estaba entusiasmado e confío moito nela”. Afirma que pode achegar unha visión renovada, ideas para a mocidade, “que é a grande esquecida deste Goberno, e con medidas que melloren a calidade de vida da nosa veciñanza”. Sentencia afirmando que “só con Alba se poderá iniciar un verdadeiro cambio para Lalín, onde a mocidade teñamos presenza, o noso comercio e hostalería teña máis presenza e onde haxa futuro laboral para todo o mundo, sen mirar cores nin ideoloxías”.
“Alba é a persoa indicada para conseguir un Lalín máis avanzado e eu quero formar parte dese camiño, achegando unha visión renovada e con ideas que permitan mellorar a vida da nosa veciñanza”
Iván Gordedo Sánchez
Pola súa banda, Eva González Blanco é veciña de Botos e fisioterapeuta, profesión que desempeña en Lugo e compaxina coa preparación das oposicións para formar parte da sanidade pública. Muller nova e do rural, afirma que a súa motivación para entrar na política resúmese en simples palabras: “Crer nun proxecto dende a veciñanza para a veciñanza”. Destaca que dende o colectivo xuvenil, co que conta o PSOE de Lalín, “pretendo abordar todas as inquedanzas da xente nova e facer posibles os cambios que a veciñanza nos solicita”. Puntualiza que tamén a motivou a candidata, Alba Forno, porque “achega experiencia, proximidade e valentía, xa que tomou as rendas do partido e deulle un aire renovado co obxectivo de poñer a Lalín no mapa e co respecto e a escoita por bandeira”. O seu obxectivo é poñer o foco en temas sanitarios, da mocidade, da cultura e do rural, “porque son as áreas que máis controlo. Gustaríanme moitas melloras en sanidade, contar cunha cultura para todos e todas e que o rural non fose só unha arma de campaña electoral”.
“A miña motivación resúmese nunhas simples palabras: Crer nun proxecto desde a veciñanza para a veciñanza”
Eva González Blanco
Finalmente, Laura Nercellas García é natural de Silleda, pero dende hai anos desenvolve a súa vida en Lalín. É mestra de profesión e actualmente está opositando. Dende hai catro anos xa forma parte das listas socialistas, pero nesta vez sobe ata o posto 9, e afirma que todo “ven motivado porque Alba Forno sexa a candidata: “É unha muller nova, próxima a miña idade e sabedora dos nosos problemas. É unha persoa accesible, humilde e que estou segura que vai loitar polos intereses de todas/os, independentemente da cor”. O seu obxectivo e implicarse para dar solucións á problemas da veciñanza, “non só do ámbito educativo, que por suposto, senón de calquera. Son unha persoa que anda pola rúa, que me gusta escoitar á xente e saber de primeira man as necesidades que hai”. Conclúe destacando que “agardo que teñamos a primeira muller alcaldesa socialista, na que confío cegamente e da que sei que vai dar todo de si para lograr que en Lalín haxa presente e futuro para a mocidade”.
“Impulsoume que dese este paso o feito de que se presente unha muller, próxima á miña idade, e que estou segura de que vai loitar polos intereses de todos/as sexan do partido que sexan”
Laura Nercellas García
Alba Forno, a candidata, móstrase orgullosa de contar con tanta xente nova, “posto que non son as únicas persoas novas que formarán parte da lista”, e resalta que son mozos e mozas que “representan valores coma o esforzo, a dedicación e o respecto, que concordan co meu proxecto”. Destaca dos tres que “sempre estiveron dispostos a implicarse nesta candidatura, dende o primeiro momento, a Laura xa a coñecía máis, pero tanto Iván coma Eva levan xa achegadas moitas ideas e moi boas. Estou convencida de que farán un moi bo traballo e que darán aires novos ao partido e á política lalinense”.