A mocidade ten moita relevancia na candidatura de Alba Forno, por iso, para as vindeiras eleccións, ademais da xuventude xa presentada (Iván Gordedo, Eva González e Laura Nercellas), entran na lista Juan José Taboada e Lúa Sánchez, que son as dúas persoas máis novas.
Juan José Taboada é natural de Palmou e técnico superior en xestión forestal e do medio natural. Actualmente traballa nunha oficina técnica en Lalín. Hai catro anos que entrou a formar parte da vida política, da man de Román Santalla, e actualmente irá no posto 10. “O obxectivo é dar novas ideas e formas de entender Lalín, para que sexa unha vila con oportunidades para todos/as, en igualdade de condicións”. Para os vindeiros anos ten claro que haberá cambio e que “será con Alba na cabeza”.
A súa vinculación co rural lévao a reflexionar sobre o despoboamento e o peche de explotacións que está sufrindo esta área: “Cada paso quedan menos e creo que as políticas deben incentivar novas actividades económicas para as aldeas e impulsar as pequenas explotacións familiares para que sexan máis rendibles e atractivas. O obxectivo ten que ser fixar poboación no rural, creando un modo de vida máis comprometido co medio e sen dependencia das grandes empresas”.
Pola súa banda, Lúa Sánchez é a primeira vez que entra a formar parte da vida polítca. É natural de Xaxán e actualmente atópase estudando Enxeñería Forestal en Lugo. Ademais, conta co curso de adestradora de baloncesto, deporte que practicou durante unha década. Actualmente, aínda que está de baixa por unha lesión, é xogadora de rugby.
Decidiu dar un paso á fronte porque considera “que Lalín precisa un cambio, porque non pode estar a mesma persoa aferrada a un sillón, e ter á mocidade en conta; ademais de que me motivou ver a Alba a fornte do partido”. Asegura que hai que romper co prexuízo de que “a xente moza non somos traballadores nin temos ideas; a realidade é que buscamos futuro con proxectos rompedores”. A súa espectativa é que en maio haxa unha renovación “xa que agora só vemos proxectos a medias para vender de cara ás eleccións e deudas”.
Como estudante asegura que ten unha visión diferente das necesidades que poida ter outra persoa e así mesmo, respecto da súa vinculación ao deporte, afirma que Lalín precisa mellorar. “Non pode ser que só se lle dea visibilidade e facilidades a algúns clubs, mentres outros están case sen instalacións. Hai que equiparar e potenciar todos os deportes. Lalín é unha vila que goza de numerosos clubes e hai que visibilizalos”.
Pola súa banda, Alba Forno móstrase leda de contar con tanta xente nova. “Juanjo xa leva varios anos no partido e Lúa é unha nova incorporación. Ambos son os máis novos, que veñen con ideas diferentes e con ganas de traballar. Que persoas desta idade queiran sumarse é unha honra”. A candidata á Alcaldía asegura que esta candidatura é completamente renovada e na que “quixen contar con xente que achegase traballo, proxectos e tempo a cambio de ofrecerlle un futuro a nosa veciñanza, porque nós non prometemos postos de traballo nin aseguramos entrada a ningún sitio. Só queremos traballar para un Lalín da Xente”.