MIÑONES VISITA LALÍN E ASEGURA QUE FORNO É A MELLOR OPCIÓN PARA QUE LALÍN AVANCE
26 Maio 2023

Na mañá de hoxe, o ministro José Manuel Miñones visitou Lalín para mostrar o seu firme apoio á candidatura socialista de Alba Forno. O responsable de Sanidade asegura que este domingo, 28 de maio, a veciñanza de Lalín “ten unha grande oportunidade para elixir un cambio real para que Lalín medre e que pode ser da man da primeira alcaldesa de Lalín”.

O ministro estivo acompañando a Alba Forno e a outros membros da candidatura nunha visita por Lalín e mostrou o seu interese por coñecer de primeira man as necesidades sanitarias da vila. Así mesmo, revelou que está convencido “de que Alba loitará porque en Lalín haxa unha sanidade digna para toda a veciñanza e que dispoñan dos recursos necesarios para non ter que depender da sanidade privada”.

Dende o PSOE de Lalín agradecen a Miñones por querer achegarse ata Lalín para mostrar o seu apoio á candidatura de Alba no último día de campaña. No mesmo sentido, lembran que durante a precampaña e campaña achegáronse ao Concello José Manuel Albares, ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación; o delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro; o líder do PSdeG Valentín Formoso; a presidenta da Deputación e do PSdeG, Carmela Silva, e o secretario provincial, David Regades. “A todos eles, ademais doutras autoridades coma Héctor Gómez, ministro de Industria Comercio e Turismo, e Patxi López, o actual voceiro do PSOE no Congreso, que me enviaron mensaxes de forza, quero darlle o meu enorme agradecemento por todo o apoio recibido. Síntome arroupada polo partido en todos os ámbitos e iso dá moitos folgos”, asegura a candidata á Alcaldía, Alba Forno.

Así mesmo, o PSOE de Lalín fai un balance moi positivo do que foi esta campaña, “na que todo o equipo da candidatura e outras persoas que colaboraron connosco traballaron arreo para facerlle chegar o noso proxecto a toda a veciñanza. É ilusionante e gratificante ver como hai tanta xente implicada e que sabe que vai haber un cambio en Lalín”, sinala Forno. Engade que foron días “duros, pero fixemos unha campaña limpa e en positivo, só presentamos o noso proxecto porque o que queremos é cambiar e mellorar a vida da nosa veciñanza, non entrar en liortas políticas. Só nós queda agardar a que depositen en nós a confianza”.