A VECIÑA DE BERMÉS NORMA FERNÁNDEZ SERÁ A NUMERO 5 DA CANDIDATURA DE ALBA FORNO
24 Abril 2023

A veciña de Bermés Norma Fernández Rodríguez súmase á candidatura do PSOE de Lalín e ocupará o posto 5 na lista de cara ás eleccións do 28 de maio. É natural de Bermés e reside en Pontevedra, onde desenvolve a súa vida profesional na Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. O seu compromiso co rural levouna a formar parte da secretaría da Comunidade de Montes de Bermés, onde desenvolveu proxectos importantes como a recuperación dos muíños da parroquia ou os descubrimentos e a potenciación dos petróglifos que se atopan no Carrio.

Fernández afirma que “estou moi orgullosa de que Alba pensase en min para sumarme ao seu proxecto. É un reto que collo con moito entusiasmo e no que me implicarei para conseguir que Alba sexa a primeira alcaldesa de Lalín e faga historia; con ela poderemos conseguir darlle unha nova vida a este Concello”. Ademais de formar parte da CM de Bermés, estivo na directiva de Roteiros de Lalín, por eso destaca que se centrará en “potenciar o turismo e o patrimonio, que Lalín ten moito e está pouco valorado. Tamén é necesario coidar máis o noso rural, porque este Goberno só se dedica a facer parches en campaña electoral e logo esquécese del”. Como exemplo do que levará a cabo pon o Monte do Carrio, que “gracias as actuacións desenvoltas pola Comunidade de Montes foi posible revitalizar o monte, mentres coidamos a nosa natureza e a poñemos en valor. Isto debemos trasladalo ao resto do municipio”.

“É un reto que collo con moito entusiasmo e no que me implicarei para conseguir que Alba sexa a primeira alcaldesa de Lalín e faga historia”

Norma Fernández

Así mesmo, destaca que Alba ten un proxecto claro e que “sei que o levará a cabo en canto chegue á Alcaldía. É unha muller valente, coas ideas claras e que nestes catro anos en política adquiriu moita experiencia porque se implica en todos os retos que ten por diante. É unha política moi competente, que escoita a todo o mundo e que non deixa a ninguén atrás, sexa da cor que sexa”.

Pola súa banda, a candidata á Alcaldía, Alba Forno, destaca de Norma que é unha muller “que demostrou unha gran capacidade de traballo en todos os proxectos que formou parte e tamén que está totalmente comprometida co noso rural, que é moi importante e necesario nestes tempos”. Asegura que a veciña de Bermés, ademais de centrarse nas áreas que controla coma son turismo, patrimonio e o rural, “estará á altura de calquera reto que lle presentemos porque mostra moito interese polo que se lle propón e iso é moi importante”. Destaca desta incorporación que “foi moi valente ao asumir o reto de ir no posto 5, porque implica dedicarlle horas e dende o minuto 1 púxose a disposición do partido para ser partícipe do que fose necesario. En política isto é relevante, persoas que traballen polo ben de toda a veciñanza, que acheguen ideas e que estean dispostas a perder o seu tempo pola nosa vila”.