“O PP CONVOCA UN PLENO URXENTE DE MANEIRA IMPRUDENTE E CON FINS ELECTORAIS”
8 Maio 2023

Na mañá de hoxe, a candidata socialista á Alcaldía, Alba Forno, e o candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, convocaron unha rolda de prensa para falar da súa ausencia no pleno extraordinario que terá lugar o vindeiro mércores, día 10, para tratar a Gran Praza e a RPT.

Forno expón que o pleno chega dous días antes de dar compezo á campaña electoral, convocoando as comisións para o mesmo día. “Estes temas son complexos e extensos, polo que entendemos que esta convocatoria extrema é imprudente e só ten un fin electoral”, argumenta.

En canto á Gran Praza, alude a que non é o momento nin as formas de facelo, porque deste xeito comprométese ao Goberno que saia o vindeiro 28 de maio e pregúntalle a Crespo por que non poden agardar ata que pasen as eleccións e se hai algo máis que deba saber a veciñanza para que haxa tanta premura na firma, “cando ademais contan cun documento de compra-venda que está vixente ata 6 meses”. Explica que hai un informe do técnico de hai algo máis dun mes, pero todos os demais son do propio venres. Así mesmo, indica que bota en falla un informe de tesourería. “Nós estamos a favor dos espazos para as persoas, pero que sexan sostibles”, indica a concelleira.

En cantro ao outro tema, a RPT, lémbralle que a ían ter lista en canto entrarsen ao Goberno, pero a realidade é que chegaron ata uns días antes das eleccións a tela, “dun xeito controvertido, posto que hai recursos que poñen en dúbida tanto o proceso coma o resultado. O único que deben querer é deixar todo ben atado e os favores vendidos, que xa nos teñen acostumados dende hai décadas. Este non é o camiño”, recrimínalle a candidata á Alcaldía. Forno explica que hai informes demoledores de secretería e que non se debe dar continuidade a accións de tanta importancia.

Pola súa banda, Rafael Cuiña considera “escandalosa a convocatoria” e afirma, ao igual que o PSOE, que “non estamos dispostos a tragar con todo o que queira o PP”. Resalta que ten “serias dúbidas da legalidade da convocatoria e por eso só asistirá un concelleiro de cada partido, posto que temos dúbidas de que non se poida presentar un recurso contencioso”.

Cuiña destaca que esta convocatoria é unha mostra de “debilidade por parte do PP”, pero as xustificacións para a mesma “non hai por onde collelas e actuaremos en consecuencia”. Así mesmo, Forno indica que as “elccións semellan que van a ser complexas, que non van ter a maioría e que queren curarse en saúde por se perden”. E conclúe afirmando que tratarán que tanto a convocatoria coma os acordos plenarios queden sen validez ao ser procedementos non cumpren coa legalidade e que solicitará ao Secretario un informe “claro”, ao igual que CXL.