O Partido Popular de Lalín ten acostumado ao PSdeG-PSOE aos ataques continuos, en plenos, notas de prensa, publicacións en redes e demais. Mais, esta fin de semana fixo unha mostra do medo que lle ten aos socialistas de cara ás eleccións a través dunha opinión baleira de argumentos e con pouco que contar á veciñanza. “Vemos como nunha “opinión” do único partido que fala é do PSOE, esquecéndose de que na oposición hai máis partidos. Quizais isto reflexa que ao único partido que ve como principal rival é o noso”, alude a concelleira socialista e secretaria xeral, Alba Forno.
Entre outros argumentos, fala de que a actual política contrasta coa de antes e dende o PSdeG quérenlle recordar porque é totalmente diferente. Un dos puntos claves é falta de transparencia e de democracia que o equipo de José Crespo exerce cada vez que está no Goberno. “O único que fai é crispar á oposición poñéndolle trabas para acceder a informes ou dándolle acceso a documentación 50 minutos antes dun pleno, impedindo así que poidamos ler e estudar os temas e fiscalizar a labor que fan, que lle lembramos que esa é o noso traballo, posto que representamos a unha boa parte da veciñanza”, recrimínalle Forno.
Xa que fala de “versión máis ruidosa, enfurecida e superlativa”, os socialistas convídano a que mire como eran os plenos durante o cuatripartito e como son agora. Forno indícalle que “só botando unha ollada darase conta da gran diferenza. Cremos que agora conta cunha oposición exemplar, polo menos dende o noso partido non hai faltas de respecto constantes. Porén, vemos como eles aproveitan para aludir a temas persoais dos nosos concelleiros e incluso trasladan isto familiares dos nosos concelleiros, que nin forman parte da corporación nin do noso partido”.
Por outra banda, non asume a súa mala xestión, pero dende a bancada socialista mencionan temas coma o CIS, que leva anos de retraso da súa man; as obras do Xesús Golmar, máis do mesmo; a ausencia de ambulancia medicalizada, que nin está nin se lle espera; as pistas de atletismo, que seguen sen avanzar; o saneamento integral do rural, que practicamente non houbo ningún de tantos que prometeu; máis de 3 millóns de euros de facturas reparadas e un longo etcétera. “Non asume a mala xestión do seu equipo de Goberno, pero os feitos demostran todo o contrario. Con el no Goberno volve a débeda e volven os “amiguismos”, iso si que o sabe facer ben”, apunta a concelleira socialista.