O PSdeG-PSOE de Lalín lanzará o proxecto integral de sostibilidade enerxética “Lalín ON”, que se asemella ao Proxecto Europeo de Interese Singular que contempla diferentes propostas. “É necesario avanzar neste eido para conseguir que Lalín sexa un referente nunha vila verde e sostible”, expón a candidata socialista á Alcaldía, Alba Forno.
O proxecto contempla a posta en marcha dunha comunidade enerxética municipal, na que poderá participar a veciñanza. “O obxectivo é crear enerxía limpa para as instalacións municipais e tamén que poida ser empregada pola veciñanza que queira investir neste proxecto”, explica Forno. A localización que valoran os/as socialistas é no aparcamento situado xunto aos Xulgados e contaría con marquesiñas fotovoltaicas para que os edificios municipais poidan aproveitar da enerxía solar, así como as novas instalacións que se leven a cabo. “Coa enerxía xerada garantiremos tarifas accesibles para as/os consumidoras/es vulnerables do noso municipio”, indica a candidata.

Por outra banda, este proxecto conta cunha comunidade enerxética industrial no Polígono Lalín 2000. “Dende o Concello negociaremos para que os parques eólicos do Concello reserven unha parte da enerxía limpa producida a prezos axustados que se dirixa ás empresas de esta comunidade enerxética e que así se poidan beneficiar”.
En canto á depuradora de Lalín disporá dun sistema de captura de biogás das augas residuais: “Ese gas reutilizarase nas caldeiras municipais co conseguinte aforro e tamén se poñerá en marcha un servizo de asesoramento para que as explotacións agrogandeiras do noso municipio poidan aproveitar esta fonte de enerxía e reducir a contaminacións”, aclara Forno.
Por último, este proxecto tamén abrangue puntos de recarga eléctrica nos aparcamentos públicos. “Cada vez son máis as persoas que contan con coches eléctricos e xa son varios os municipios que dispoñen desta medida nas súas vilas, pero Lalín aínda carece destes puntos e son necesarios”. Así mesmo, indica que a flota de vehículos que forman parte do Concello serán de emisión cero nun 50 % para 2027 e nun 100 % para 2035. Ademais, indica que todos os edificios que se constrúan por parte do Concello tamén serán de emisións 0.
“Este é un proxecto ambicioso, que empezaremos a poñer en marcha en canto entremos á Alcaldía para que poida ser unha realidade canto antes. Ademais de ser beneficioso para o medio ambiente, ten moita utilidade para a nosa veciñanza, que poderá sumarse ás enerxías limpas e ver reducidas as súas facturas”, revela a candidata á Alcaldía e conclúe afirmando que “este proxecto vai ter interese europeo, pola súa condición integral, polo que sabemos que contaremos con Fondos da Unión Europea para levalo a cabo”.