O PSOE PROPÓN DESTINAR 40.000 EUROS ANUAIS EN BONOS PARA GASTAR NO PEQUENO COMERCIO LOCAL
1 Maio 2023

O PSdeG-PSOE de Lalín levará a cabo no vindeiro mandato medidas para dinamizar e potenciar o pequeno comercio, “que é un sector fundamental no noso concello”, puntualiza o membro da candidatura de Alba Forno, Anxo Álvarez. O programa do grupo socialista contemplará varias medidas que levarán a cabo no vindeiro mandato.

Por unha banda, destinarán de maneira anual 40.000 euros para un programa de bonos. “É dicir, cada veciño/a contará cun bono euros para gastar nos locais (comercio e hostalería) que queiran sumarse a esta iniciativa. Poñeranse a disposición da veciñanza tres tipos de bono en función dos gastos que se realicen: en compras superiores a 30, 10 ponos o Concello; en superiores a 50, 20 euros ponos o Concello e en 75, 30 euros ponos o Concello. As persoas solicitantes poderán escoller entre calquera destas opcións. “É un xeito de animar á veciñanza a que faga as súas compras en Lalín”, explica Álvarez. Sinala que é unha medida que xa está a funcionar noutros concellos e que mesmo de a Xunta a lanzaron e “xa quedou demostrado que foi un éxito. Con este investimento chegaríase a unha inxección económica de 200.000 €”. Así mesmo, no caso de que esta iniciativa funcione estudaríase ampliar a cantidade que se destina.

Lembra que neste mandato, dende o PSOE de Lalín xa se presentou unha moción neste sentido, mais dende o Goberno consideraron que non era medida axeitada porque para iso facían as Aldeas de Nadal. “Sen menosprezar este proxecto, que seguro manteremos en activo e potenciaremos, hai que ter en conta que o comercio e a hostalería no período de Nadal xa se potencia só. Son épocas nas que as compras sempre soben. O problema está o resto do ano”, expón o candidato.

Por outra banda, nos próximos meses lebarase a cabo o proxecto de acondicionamento da parte de abaixo da Praza de Abastos, unha medida que dende o PSOE xa puxeran como prioritaria no anterior mandato e que será feita a través do financiamento do Ministerio de Transportes, Mobilidad e Axenda Urbana, que achega 1,1 millóns de euros. “Este é un espazo que necesita potenciarse e darlle vida. En numerosas vilas as Prazas son puntos importantes e nós queremos que en Lalín, a Praza de Abastos sexa un referente”.

Outras medidas que contemplan, a maiores da xa plantexada como é o Plan de Mobilidade 360 que tamén ten unha repercursión neste sector, está humanizar máis rúas, “que foi un proxecto que puxeron en marcha no anterior Goberno e que se ve noutras vilas como na Estrada que funcionan para dinamizar o comercio e a hostelería”. Así mesmo, potenciaranse feiras como a do Libro, de Productos de Lalín, de Oportunidades e outras para fixalas nos calendarios e que sexan tamén datas para potenciar o comercio. A maiores, dende o Goberno faranse campañas de sensibilización para concienciar á veciñanza sobre a importancia de mercar no comercio local e “tamén aproveitaremos Fondos Europeos para potenciar a dixitalización”.