OPINIÓN DE ALBA FORNO: “AS OBRIGAS DAS ADMINISTRACIÓNS ANTE A VIOLENCIA DE XÉNERO”
3 Maio 2023

Hai uns días coñecemos a sentenza desgarradora duns dos casos máis horrible, probablemente, dos que temos coñecemento en Lalín.

Nela relátase o sufrimento e calvario que unha vítima nova aturou pola parte do seu maltratador ao longo de anos. Violencia psicolóxica, física, sexual e verbal. Dende romperlle ósos, facela durmir con animais ou cortar todo contacto coa súa familia e amizades. Os pelos de punta lendo o relato de esta horrenda historia. Todo remata con 47 anos de cárcere para el e secuelas de por vida para ela. Imborrables, de seguro.
Estes feitos, dende que tivemos coñecemento, remexeron o bandullo a moitas persoas que leron as novas que saíron. Ver a negación por parte del e pensar en como ela tivo que revivir cada un deses terribles momentos ante un xulgado.

Agora preguntámonos que podemos facer dende a Administración Local para erradicar e sacar das nosas casas esta lacra da violencia machista? Dende calquera Institución, este problema que asola ao mundo debería estar sempre no foco. Non se poden permitir máis minutos de silencio por vítimas ou botarse as mans á cabeza cando lemos novas coma esta, que ademais nos tocaron na “casa”, coma tantas outras que seguramente estén silenciadas polo momento.

Dende os cargos públicos temos o deber e a obriga de loitar contra esta lacra, nin axuda que haxa partidos políticos que neguen a violencia de xénero, pero a realidade é os hai e que contan con outros que os apoian.

Hai que traballar dende o máis básico e fundamental, como é a educación, a violencia machista debe formar parte do debate público, da afectación pública. Non se poden silenciar estes temas nin tratalos como se fosen “puntuais” e “non pasase nada”. Hai que darlle toda a importancia que teñen.

Dende o eido local a intervención debe pasar pola educación. Fomentar desde as idades temperás o respecto e a repulsa contra calquera tipo de violencia.

Entre todos e todas hai que construír un Lalín sen violencia, respectuoso e seguro para todas e todos.