Hoxe, 9 de maio, celébrase o Día de Europa, unha data sinalada que lembra a chamada Declaración de Schuman, que foi o principio fundacional do que hoxe coñecemos como Unión Europea.
Son a única candidata que cando naceu, España xa estaba na UE. Non teño esa conciencia de cambio que si poden ter outros, pero sei da importancia de Europa na nosas vidas e son plenamente consciente de que esta influencia se acentuou tras a pandemia. Non podemos negar que a resposta europea foi coma un salvavidas para millóns de cidadáns e polo tanto para os máis de 20.000 veciños e veciñas de Lalín.
Non entendo levar un Concello a día de hoxe dende un Goberno municipal sen prestar atención ás oportunidades que nos presenta a UE. No mandato de 2015 a 2019, Lalín acadou o seu primeiro gran proxecto europeo grazas ao esforzo e compromiso dos/as socialistas lalinenses. O DUSI Lalín Ssuma 21 foi un fito no posicionamento e na forma de facer do noso Concello dende un urbanismo sostible que nos permiteu a rehabilitación de Lalín de Arriba, a creación do Cinto Verde, a reforma da Xosé Cuiña, agora en fase de remate, a rehabilitación da zona do Manuel Rivero, totalmente degradada co PP, ou a futura rehabilitación de Donramiro, que Crespo non é capaz de executar. Pero ser alcaldesa dun Lalín con visión europea non só significa pedir ou conseguir fondos, o compromiso ten que ser tamén coas políticas que propón a UE, de tal xeito que non se entende que se recibimos cartos para peonalizar rúas financiadas con diñeiro da UE, como as Principal e Loriga, despois fagamos o contrario do que de verdade se aliña coas propostas da Unión Europea.
Lalín debe camiñar con visión europea como xeito de levar o Concello no futuro, enganchándose ás políticas que nos van permitir avanzar nas transicións enerxética e dixital. Ante esa necesidade vemos que o PP permanece inmóbil, por exemplo ante a nefasta captación de Fondos do Plan de Recuperación ou deixando escapar oportunidades de xeito continuo. Tamén o vemos na Xunta de Galicia, que deixou a Lalín sen solo industrial e agora as novas iniciativas empresariais financiadas con eses fondos non se van situar no noso Concello. A visión europea tamén debe estar presente no Concello con maior democratización, transparencia e igualdade de oportunidades, conceptos que a Crespo lle dan alerxia.
O pasado mes de marzo tiven a oportunidade, sendo xa candidata a Alcaldía de Lalín, de visitar as institucións europeas e reunirme no Parlamento Europeo con varios eurodeputados/as, polo que sei das oportunidades que temos en Europa se facemos avanzar ao Concello pola senda correcta. Os/as socialistas somos a opción política que mellor comprendemos Europa, sábeo a cidadanía e non cabe dúbida que temos un proxecto que entronca coas políticas europeas.
Como alcaldesa comprométome a crear unha unidade municipal para a xestión de proxectos europeos, que vaia máis alá da simple consecución de fondos, para que nos proxecten coma un Concello que avanza cunha clara visión europea, porque se non o facemos nós, ningunha outra opción política do noso Concello o vai facer.
Confiar no PSdeG-PSOE de Lalín é unha garantía de éxito na UE.