OS TERREOS DO AMBULATORIO DEBEN SER PARA INFRAESTRUTURAS SOCIAIS
23 Febreiro 2023

Pedimos que se inicie a solicitude de reversión dos terreos do actual Centro de Saúde, que se atopa nun estado deplorable, para o seu aproveitamento no futuro como infraestruturas sociais para as familias. Lembramos que eses predios foron cedidos no seu día (alá polos anos 70 do século pasado) á Seguridad Social para a construción do actual ambulatorio.

“Aínda que o CIS vai despazo, con moito retardo e seguramente se tarde no traslado de todos os servizos por culpa da mala xestión de Crespo e da Xunta hai que traballar xa na reversión dos terreos para o Concello, pois unha vez se faga o traslado, compre demoler a infraestrutura”, expón a candidata á Alcaldía e concelleira, Alba Forno. A isto, engade que “ante os evidentes riscos de que se repita o acontecido co Manuel Rivero, que durante anos foi unha ruína no medio da vila ata que chegou o Goberno de coalición en 2015 e puxo en marcha a rehabilitación daquela zona”, afirma.

“Cada vez hai máis demanda de servizos de conciliación e de prazas nas garderías que están sen cubrir”

Alba Forno

Segundo Alba Forno “non podemos entender o noso modelo de vila sen a dimensión social de apoio ás familias e cremos que estes terreos, no centro da vila, con boa accesibilidade e ao lado dun colexio son óptimos para unha infraestrutura de usos sociais”. Dende a bancada socialista expoñen que hai que ter un plan: primeiro reversión dos terreos, despois demolición do ambulatorio e, finalmente, a solicitude de financiamento externo e municipal para a posta en marcha dunha Escola Infantil e de espazos de actividades para a conciliación familiar. “Esta foi unha das miñas principais demandas cando entrei na política, e seguirá sendo neste mandato. Cada vez hai máis demanda de servizos de conciliación e de prazas nas garderías, como ben saíu nun medio de comunicación recentemente, que están sen cubrir”, sinala a candidata á Alcaldía.

Así desvelamos unha das nosas liñas programáticas máis importantes. “Coa axuda europea e con menos da cuarta parte que custaría a Gran Praza melloraremos o benestar dos lalinenses. Nós queremos un Lalín pensado para a xente, tamén den o eido social; que apoie ás familias para que se establezan na nosa vila e tamén buscamos a transformación urbana dunha área da nosa vila que botará en falta o movemento do actual ambulatorio”.