PEDÍMOSLLE AO CONCELLO QUE SOLICITE A SUBVENCIÓN PARA A CREACIÓN DUNHA COMUNIDADE ENERXÉTICA
6 Febreiro 2023

O Concello de Lalín ten a posibilidade de solicitar unha nova subvención do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para crear un proxecto de Comunidade Enerxética Local (CEL). A Unión Europea impulsa dende 2019 a creación destes proxectos autónomos e marcados pola participación veciñal para reducir a dependencia das grandes eléctricas que case monopolizan o mercado, ademais de ser unha iniciativa que contribúe á loita contra o cambio climático.

Dende o PSdeG-PSOE de Lalín solicitamos por rexistro que se faga esta petición para poder contar cunha CEL que serva tanto para abastecemento das diferentes instalacións municipais como para proporcionar enerxía para a veciñanza que se sume á iniciativa. As comunidades enerxéticas de autoconsumo son unha porta aberta á participación activa da cidadanía e colocan no centro do beneficio á propia comunidade, que se asegura desta maneira e en boa medida a súa sustentabilidade ambiental, social e económica.

O Concello tan só tería que dispoñer dos terreos, que poden ser dentro do propio casco urbano ou a 2.000 metros en liña recta do mesmo. Como exemplos, poderían ser empregados os espazos que hai entorno á zona de aparcamento dos Xulgados ou no entorno do Pontiñas.

“Cunha CEL poderíanse reducir os custos enerxéticos que xera o propio Concello con placas solares e, ademais, permitiríaselle á veciñanza que poidan investir neste proxecto”

Alba Forno, candidata á Alcaldía

Cunha CEL poderíanse reducir os custos enerxéticos que xera o propio Concello con placas solares e, ademais, permitiríaselle á veciñanza que poidan investir neste proxecto e, en función da inversión, repártese a enerxía. Así mesmo, deberíanse marcar unhas bases para o seu uso, de maneira que se lle daría prioridade ás familias numerosas ou con escasos recursos, entre outras posibilidades. Outro uso que podería ter é a creación de espazos de recarga para os vehículos eléctricos, que cada vez urxen máis no municipio, e valorar outras iniciativas para darlle saída á enerxía creada.

Dende o PSdeG-PSOE de Lalín solicitamos que dende o Goberno presenten un proxecto para obter esta subvención e así contar cunha CEL no noso concello, que permitiría crear a propia enerxía verde para aforrar a través do autoconsumo e encorvar os seus excedentes á rede, ademais de que esta iniciativa contribúe a reducir as emisións e loitar contra o cambio climático.