PREGUNTÁMOSLLE A CRESPO SE HOUBO MÁIS COACCIÓNS A TRABALLADORES ADEMAIS DO SECRETARIO
12 Maio 2023

“O despropósito en forma de pleno”, así cualifica o concelleiro Mario López a sesión plenaria celebrada onte. No día de onte celebrouse un pleno extraordinario que dende logo “deixou moito que desexar” tanto pola transparencia, como pola ética ou mesmamente de legalidade dende o punto de vista do PSOE de Lalín.

O grupo socialista cuestiona a legalidade da convocatoria do pleno, que tamén puxo en dúbida o propio secretario do Concello. “Convocaron unhas Comisións Informativas a primeira hora da mañá e acto seguido un pleno, no cal ían dous temas importantes para a veciñanza, un deles moi engorroso como é a RPT”, expón López e engade, “eran dúas promesas electorais do PP que quería deixar como cumpridas, pero a realidade é que só deixa favores vendidos”. O estipulado pola lei, indica que, agás que sexa un asunto xustificado con razóns excepcionais de urxencia, é dicir, que non admitan demora, non se poden convocar un pleno con menos de 48 horas dende as CCII. “Neste caso, o pleno podería ser convocado unha vez que pasasen as eleccións polo Goberno que elixa a veciñanza”. Alegan na motivación da convocatoria que se trata de un asunto con “expedientes moi complexos e extensos”, co cal á oposición non tivo o tempo suficiente para examinalos como corresponde, e fiscalizar a propia actividade do Goberno, que é parte do seu traballo.

En canto á Gran Praza, “o único que quería Crespo era asegurarse de que deixaba favores vendidos, xa que existía un acordo previo cos propietarios que se estendía a 6 meses, polo que non era necesario levalo a pleno ata pasadas as eleccións”. Por outra banda, a RPT é o “maior escándalo” e máis “tras ver como foi tratada a máxima autoridade dos funcionarios, que é o Secretario, botándolle unha reprimenda e mostrando unha actitude dictatorial co mesmo”. O Secretario emitiu un informe no que se recollen 12 puntos polos que non pode estar a favor de darlle continuidade á RPT, “porén, o PP seguiu para adiante, sen importarlle este documento”.

Nos documentos achegados, recóllese como o propio secretario foi coaccionado a asinar documentos, e así o dixo na sesión plenaria, só por interese da propia empresa encargada de elaborar a RPT e do Goberno. “Preguntámoslle a Crespo se houbo máis presións a outros/as traballadores/as do Concello e como permite que unha empresa externa suxira expedientar ao Secretario, só por mostrar un informe defavorable ao seu traballo”, pregúntalle López.

O concelleiro socialista asegura que o vivido onte no pleno “foi ver a un PP rancio e con actitudes dictatoriais, negándolle a palabra ao Secretario en varias ocasións, faltándolle o respecto e poñendo en dúbida o seu traballo”. Ante isto, dende o Partido Socialista aseguran que presentarán un recurso para invalidar os acordos tomados onte, nunha sesión plenaria que ten “dubidosa legalidade”.