IMAXE DE FARO DE VIGO (BERNABÉ/ÁNGEL VIDAL)
O grupo socialista de Lalín lamenta que o Goberno de Crespo estea a pasar por riba de veciños e veciñas que defenden os seus intereses e que advertiron de xeito reiterado ao Goberno Municipal sobre os accesos as súas fincas.
Os socialistas lembran que foi unha obra plantexada polo Goberno anterior, pois estaba incluída na Estratexia DUSI Lalín SSUMA 21, e trátase dunha actuación moi importante “ante as evidentes eivas de seguridade e a barbaridade urbanística planificada no PXOM de Lalín que dificultada avanzar na dotación dunha Avenida que separa o casco de lugares de moita importancia”. Así, indican que o Goberno de Crespo dedicouse a unha táctica dilatoria para agochar os logros do anterior Goberno pero non prestou atención ás necesidades veciñais.
A bancada socialista lembra que deixaron un proxecto que o PP reformou en reiteradas ocasións e semella que en ningunha delas fixeron caso aos/as propietarios/as dos terreos. Así lembran que o 6 de setembro de 2019, ao pouco de chegar ao Goberno, anunciaron que o proxecto reducírase e que sería licitado no primeiro semestre de 2020 (nova de La Voz de Galicia). Non chegou a facerse realidade porque o actual Alcalde pretendía agochar que fora algo proxectado polo Goberno anterior. Posteriormente, o 14 de novembro de 2020 pasaron a dicir que se licitaría a primeiros de 2021 cun orzamento de 883.111 euros (nova de La Voz de Galicia), algo que novamente non sucedeu coa técnica dilatoria de Crespo antes mencionada.
Finalmente licitaríase en xuño de 2022 por unha cantidade maior e adxudicouse en agosto de 2022 (nova de Faro de Vigo). Ademais, o grupo socialista lembra o nefasto estado do firme do que tamén responsabilizan a Crespo “pois votou co apoio do tránsfuga e agora meteron o asfaltado que tiraron abaixo dun xeito vergoñento”. Polo tanto o proxecto foi modificado polo Goberno de Crespo en, polo menos, 3 ocasións sobre o orixinal.
“Mudou o proxecto 3 veces e en ningunha ocasión tivo en conta aos propietarios/as dos terreos; é unha tomadura de pelo”.
Alba Forno, candidata á Alcaldía
Para os socialistas resulta escandaloso “que se cambie o proxecto 3 veces e en ningunha ocasión se tivera en conta aos veciños e veciñas, donos dos terreos, para que tivesen acceso ás súas fincas; en realidade parece que lle tomaron o pelo a eles e a todos os lalinenses, polo que agora o mellor para o interese xeral é escoitar, aínda que iso semella difícil tratándose de Crespo”,afirma Alba Forno, candidata socialista á Alcaldía.
“Se esperaron 3 anos para facer a obra ben poden agardar unhas semanas para solventar o problema. Se a Crespo lle molesta non inaugurala, que non se preocupe que xa o invitaremos ao acto, pois se hai algún culpable de que a obra non estea xa rematada é el mesmo”, sinala Alba Forno. Para a candidata socialista a mellor proba desta estratexia dilatoria radica en que a obra foi adxudicada en agosto para rematar en 6 meses e pasaron xa 7 e aínda lle queda (nova de Faro de Vigo).