RECUPERAREMOS AS PISCINAS PARA QUE VOLVA HABER CLUB DE NATACIÓNS E SE POIDAN OFRECER MÁIS CURSOS PARA AS CRIANZAS
24 Maio 2023

As instalacións da piscina son “o paradigma da política de Crespo”, indica a candidata socialista á Alcaldía de Lalín, Alba Forno. Ante isto, propón recuperala “para que Lalín volva contar con piscinas homologadas para competir e para que a nosa veciñanza poida adestrar e preparar as probas de oposicións sen necesidade de ter que trasladarse a outras vilas”.

O obxectivo é que estas instalacións teñan utilidade “e non deixar que sigan abandonadas”. A candidata lembra que durante o Goberno de coalición realizouse unha enquisa á veciñanza ofrecendo varias opcións e a máis votada foi recuperar estas instalacións como piscinas municipais. “É a mellor opción e máis se valoramos que actualmente Lalín non conta con piscinas que cumpran coas medidas regulamentarias e as que hai quédanse escasas para os cursos das nosas crianzas”, explica Forno.

Dende o grupo socialista o responsable da área deportiva Mario López indica que “hai que tratar de que volva haber un Club de Natación, como que había que funcionaba moi ben pero por culpa de non ter un espazo axeitado desapareceu”. Recalca que “o obxectivo do Concello debe ser fomentar que os Clubs deportivos se manteñan na vila e non facer que desaparezan coma fixo este Goberno, por iso é importante que teñan instalacións dignas”.

A candidata á Alcaldía expón que esta instalación se poderá beneficiar da rede de calor proxectada na zona e así aforrar enerxía: “A nosa filosofía de políticas son facelas máis sostibles e por iso é fundamental facer avances enerxéticos na nosa vila. Esta instalación pode ter un custo baixo enerxético se se aproveitan os recursos”.

Así mesmo, López indica que tamén se ampliarán as zonas de lecer da piscina de verán, con “áreas de sombra e espazos de xogos acuáticos para nenos e nenas cun novo vaso infantil. Esta área quédase curta para unha vila coma Lalín e é preciso aumentala e mellorala para facela máis atractiva”.