Dende o PSOE de Lalín ofrecemos un programa cultural atractivo e “no que se teñen moi en conta todos os colectivos culturais e artistas que temos no municipio, que son moitos e non se lle dá o valor e a visbilidade que merecen”, explica o membro da candidatura socialista, Anxo Álvarez.
A medida estrela neste eido é establecer un convenio de mecenado para recuperar o Cine Lalín. “Esta instalación está totalmente abandonada e queremos darlle unha nova vida”, expón Álvarez e aclara que o obxectivo é convertelo nun Centro Escénico Municipal para albergar unha Escola Municipal de Teatro e tamén empregalo coma un espazo de exhibición cinematográfica. “Lembramos que Crespo ía traer os cines de volta a Lalín e o máximo que fixo foi colocar un proxecto no Auditorio, o cal xa houbo en actos que non funcionou, e realmente este espazo non ten a esencia dun cine”, comenta o membro da candidatura socialista.
Para conseguir isto, negociarase coa entidade bancaria, propietaria do inmoble, a súa reforma e destinarase a uso cultural. “Neste espazo potenciarase a cultura local, fundamentalmente, que tan abandonada está e na que só se teñen en conta os amiguismos, sen potenciar todos os/as artistas que temos”, indica Álvarez.
Así mesmo, no programa cultural da candidatura socialista tamén se contemplan outras medidas como adherirse á plataforma e-film, que xa fixeron noutros municipios e ten éxito. “Lalín eFilm será un servizo de streaming gratuíto que se ofrecerá na Biblioteca Municipal, no cal se poderán ver películas e series a través do carné da biblioteca. Ten un uso sinxelo e intuitivo e permitirá potenciar a cultura cinematográfica entre os máis novos”.
Outra das medidas é crear unha biblioteca itinerante que percorra as parroquias do Concello, de maneira que se achegará o hábito da lectura ao rural. Tamén se potenciará a licenza Creative Commons nos contido financiados con cartos públicos, “xa que consideramos que a cultura debería ter acceso libre para a veciñanza”.
Así mesmo, tratará de recuperarse a ruta cultural feita hai catro anos, “A ollo ceibe”, na que se fixo un roteiro cultural teatralizado no que se poñían en valor persoeiros relevantes da nosa historia. “Cremos que é un xeito de mesturar a cultura co deporte, dándolle visbilidade a personaxes da nosa historia que para moita mocidade son descoñecidos. Hai que potenciar a nosa cultura e darlle valor aos nomes relevantes que temos no noso Concello”, destaca Álvarez e conclúe afirmando que para o grupo socialista “a cultura é fundamental para avanzar como sociedade, por iso lle daremos moito pulo e contamos cun programa completo neste sentido, que poden consultar na nosa web www.albaforno.gal”.