Román Santalla Agra seguirá na lista do PSOE de Lalín de cara aos comicios do 28 de maio e irá no posto de honra, pechando a candidatura de Alba Forno. Quen foi o candidato nas anteriores eleccións móstrase agradecido “porque a nosa candidata siga pensando en min para formar parte do seu proxecto”.
Tras catro anos como concelleiro da corporación municipal afirma que “tivemos unha labor complexa e puxéronnos moitas trabas para desempeñar o noso traballo como representantes de numerosos/as veciños/as de Lalín”. Detalla que non houbo case ningunha moción que presentaron dende o grupo socialista que fose apoiada polo PP de Lalín, “en temas relevantes como pode ser melloras sanitarias, medidas para o rural, máis transparencia… Tamén podería lembrar as numerosas faltas que recibimos, principalmente os concelleiros do PSOE, sacándonos a membros da familia constantemente”.
“Estou convencido de que temos á mellor candidata e de que fará historia en Lalín, converténdose na primeira muller alcaldesa. É nova, traballadora e loitadora”
Román Santalla
Para estes comicios decidiu dar un paso ao lado por motivos persoais, pero “estou convencido de que temos á mellor candidata e de que fará historia en Lalín, converténdose na primeira muller alcaldesa. É nova, traballadora e loitadora. Leva catro anos demostrando a súa valentía nos enfrontamentos con Crespo, e sempre dende a educación e o respecto”. Engade que Alba Forno conta cun proxecto “claro e que mellorará a vida da nosa veciñanza e potenciará Lalín en moitos eidos”. Así mesmo, puntualiza que dende o grupo socialista teñen claro que o rural será prioritario no vindeiro mandato “porque neste xa vimos que só foi relevante agora, a meses das eleccións, pero os/as veciños/as xa non cren nesta maneira de facer política e demostrarase o vindeiro 28 de maio”.
Por parte da candidata á Alcaldía, Alba Forno, reitera o agradecemento a Santalla, “quen sempre está disposto a botar unha man, a pesares das dificultades persoais. Recibín o seu apoio dende o minuto 1 e sei que así seguirá sendo nos próximos anos”. Afirma que é unha persoa comprometida “co partido, pero sobre todo coa veciñanza”. Puntualiza que estes catro anos non foron sinxelos para el e por iso destaca que “estou orgullosa de ter unha persoa coma el, que sempre defendeu os ideais socialistas, que é traballador e que seguirá loitando por mellorar a vida da nosa veciñanza e, en concreto, do rural”.