SOLICITAREMOS MÁIS CICLOS FORMATIVOS E POTENCIAREMOS UNHA FEIRA DE ORIENTACIÓN PARA ESTUDANTES
15 Maio 2023

A mocidade é unha das grandes esquecidas deste Goberno e por iso dende o PSOE de Lalín, ao longo do programa, contemplamos varias propostas para “ofrecerlle un futuro mellor e cheo de oportunidades”, indica a candidata á Alcaldía, Alba Forno. Para iso, nas medidas de Educación, recóllense varias iniciativas que permitirán aumentar a oferta educativa en Lalín e ofrecer máis instalacións para as reunións dos/as estudantes.

Establecer coas diferentes universidades e Centros de Formación unha feira, será unha das medidas máis relevantes. “Nestes eventos, a mocidade pode coñecer de primeira man toda a oferta educativa que teñen dispoñible, consultar as dúbidas e aclarar todas as súas inquedanzas de cara ao seu futuro”, expón Forno. Esta feira pode ser un atractivo para toda a comarca e será un punto atractivo para Lalín.

“Solicitaremos máis ciclos de Formación Profesional, que actualmente están moi demandados e ofrecen numerosas saídas profesionais á mocidade”, explica Forno. Entre eles, está pedir unha FP de Enerxías Renovables e Instalacións Sostibles, que “será un dos nichos de emprego nos vindeiros anos, pola situación na que se atopa a enerxía”. Así mesmo, pediranlle á Xunta de Galicia a posta en marcha en Lalín de ciclos bilingües, aproveitando os fondos que o Estado recentemente aprobou para as Comunidades Autónomas. “Sabemos da importancia que teñen os idiomas para buscar emprego, por iso é preciso mellorar o currículo da nosa mocidade neste eido. Notan a falta deste tipo de formación e son viables para traelas a Lalín”, aclara a candidata.

Forno indica que a demanda que máis escoita por parte da mocidade é contar cun horario de biblioteca amplo, “medida que tamén afecta a todas as persoas que están opositando ou facendo unha formación a distancia, que non teñen un horario amplo e, en moitas ocasións, péchase sen previo aviso como vimos nestes catro anos”. Complementario a un horario máis amplo da Biblioteca Municipal, habilitaranse espazos que se poñerán á disposición da veciñanza para quedadas de traballos grupais ou reunións, sempre con previa reserva. “A través dunha aplicación ou mesmo na biblioteca, poderán reservar estes espazos que serven mesmo para reunións de colectivos que non teñen un recinto físico para quedar. Cremos que é unha medida sinxela e que será de moita utilidade para toda a veciñanza”.

A candidata á Alcaldía indica que hai moitas eivas na educación e “nestes catro anos non se traballou para acadar melloras efectivas para as futuras xeracións, que moitas delas son sinxelas e só cuestión de contar cunha boa organización, como pode ser o horario da Biblioteca”.