Acompañada da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e como moderador o meu compañeiro e eurodeputado, Nicolás González Casares, mantivemos o pasado venres un debate aberto sobre cal é o modelo de vila que pretendemos os e as socialistas para Lalín.
Como candidata socialista á Alcaldía creo que é una das primeiras responsabilidades antes de lanzarse a una carreira electoral: Ter un modelo, construílo escoitando á veciñanza e coas aportacións da xente; crer firmemente nese modelo e poñelo en marcha. Nin se me pasaría pola cabeza presentarme sen ter clara esa folla de ruta e é algo que quero trasladarlle aos veciños e veciñas. Este exercicio de responsabilidade cidadá non o fai o actual alcalde, José Crespo, que só se move por ocorrencias de última hora, sen máis folla de ruta que permanecer no poder e con proxectos que non van acorde co futuro.
O debate vai máis aló de coches si ou coches non nas céntrica rúas da nosa vila, pero lembremos que a primeira decisión de Crespo tomou foi meter os coches pola Principal e a Xoaquín Loriga, e mantena despois da reforma para a peonalización desas rúas. Nós cremos que Lalín está perdendo un carro de progreso por non ser capaz de ofertar un modelo claro e definido.

Fronte aos 4 anos do catripartito, que supuxeron un avance na humanización e animación das rúas, Crespo quere volver a proxectos faraónicos sen sentido e sen decatarse que o mellor destes 4 anos seus foron as accións que proviñan do Goberno anterior, refrendadas con Fondos Europeos. Son actuacións que promoven un Lalín accesible, amable, sostible e para todos e todas. Aí vemos o arranxo de Lalín de Arriba, a mellora da Avenida Xosé Cuiña, as sendas peonís, o proxecto de recuperación de Donramiro (que se demora máis do debido), a mencionada peonalización de Principal e Loriga (deslucida e ameazada polo tráfico sen sentido) ou o Cinto Verde, que Crespo criticaba e agora quere ampliar.
O noso modelo de vila para o Lalín da xente vai máis alá das necesarias humanizacións e peonalizacións. Cremos que o modelo de vila ten que ter en conta a dimensión social e demográfica da mesma. Por exemplo, una das nosas prioridades é a mellor integración posible e conectividade das zonas periurbanas co centro urbano. Imos seguir propoñendo melloras nese eido para Goiás, A Corredoira, Donramiro, Lalín de Arriba ou Filgueira, que non só achegan ao centro a esa veciñanza, tamén permiten un mellor goce do entorno para a xente do casco urbano.
Non podemos esquecernos dos/as nosos/as maiores e tamén da cativada da nosa vila.
Alba Forno
Nesa dimensión social non podemos esquecernos dos nosos maiores que viven no rural. Temos unha poboación envellecida, cada vez son más os/as que viven sós nas nosas aldeas e a tendencia ao illamento ten unha inercia difícil de romper. Temos que facer un esforzo para a conectividade coas nosas parroquias, temos eivas moi grandes no transporte público que podemos mellorar desde a colaboración público-privada. En lugar de gastarnos millóns e millóns nunha praza grande que nunca será unha “Gran Praza”, invistiremos en conectar as nosas aldeas con trasnporte ao casco urbano.
No noso modelo de vila sostible, accesible e con dimensión social non podemos esquecernos das familias, dos nenos e nenas. A conciliación debe ser unha realidade, non só un desexo. Hai que evolucionar. O Concilia Lalín, posto en marcha polo anterior Goberno, foi un paso adiante, pero temos que ir máis aló, reforzando eses servizos para acadar o Lalín da Xente.
Nas vindeiras semanas iremos concretando as iniciativas de modelo de vila, haberá sorpresas, que agardamos que sexan do voso agrado, e abriremos canais para que calquera lalinense poida achegar ideas para o futuro do noso querido pobo. Ningunha das iniciativas que poñamos en marcha será ás costas da nosa veciñanza.
O Lalín da Xente conta coa veciñanza. Con este Goberno volvemos ao escurantismo, a falta de democracia, aos tempos das débedas e dos sensentidos. Isto pode cambiar. A oportunidade para acadar o Lalín da Xente terémola en maio. Contamos contigo!